Paradela recupera as romarías tradicionais
Coincidindo coas celebracións do Bicentenario do concello, o municipio de Paradela está a organizar as romarías de Penarredonda, As Dores e Castro de Rei de Lemos, así coma a XXVII Festa dos avós.
Neste tempo de saída da covid-19, o concello de Paradela está a celebrar durante todo o ano o seu Bicentenario como concello, con actividades que a pandemia obrigou a adiar.
Ese obrigado parón afectou sobre todo ás festas e romarías tradicionais que se celebraban no concello que no presente ano vanse recuperar, iso é para o que están a traballar as correspondentes comisións de festas recentemente constituídas, co apoio do concello.
A primeira destas romarías populares será a de Penarredonda, na parroquia de San Facundo de Ribas Miño, de grande devoción en todo o concello, na comarca e ata da capital da provincia. Celebrarase o domingo 11 de setembro e agárdase unha grande afluencia de romeiros, merendas e postos de venda, como é tradicional.
A seguinte terá lugar os días 16, 17 e 18 de setembro, e será a Romaría das Dores, na capital do concello. E a comezos de outubro, os días 1, 2 e 3, celebrarase a de Castro de Rei de Lemos. Eses días en Castro de Rei abrirase a exposición “Paradela, senda infinita”, que ata o de agora estaba exposta na capital do concello e na que se presta especial atención ao tempo en que Castro de Rei foi concello independente, con novas referentes a aquel tempo de hai agora douscentos anos e cun percorrido pola historia e a vida das terras de Paradela.
Dentro, do mes de setembro, terá lugar tamén a Festa dos Avós na súa XXVII edición, na que actuará a Banda de Paradela, se abrirán para os maiores as tres exposicións organizadas con motivo do Bicentenario do Concello e ofrecerase un xantar en homenaxe a tódolos maiores do termo municipal.
Na Festa dos Avós o cantautor de Becerreá residente en Barcelona, Alfredo González Vilela, presentará o seu último disco, Navia, con textos do escritor naviego Toño Núñez.
As exposicións que se poderán visitar son “Manuel Rodríguez López, 2.0”, na honra ao escritor e fillo predilecto do concello; “Paradela, Senda Infinita”, e “Do Tempo das Luces”, que reúne fotos antigas de feitos e xentes de Paradela e causa un forte impacto entre tódolos que a contemplan.