Paradela: Ruta ao Loio

SarriaXa
Conoce la ruta de senderismo Ruta de Loio en Paradela. Su duración es de 3 horas y el recorrido de 7 km de dificultad media.
ruta loio4
11 Apr 2022

A Ruta do Loio, comeza na capital do municipio, a carón das piscinas municipais, e remata na parroquia de San Xoán de Loio, á beira das augas do pai Miño.

Pódese facer tanto a pé coma en bicicleta, cunha distancia de 7 quilómetros, e unha duración de tres horas aproximadamente.

Comézase o camiño en Ruxidoira, o pé do Muíño do Cabo, aínda que tamén se pode iniciar a ruta dende outros dous puntos: o parque que está detrás do parque de Saúde e dende Rodillón.

A poucos metros das piscinas, atópase un pequeno muíño restaurado, o Muíño do Cabo e a Ponte do Muíño que cruza o río. Continuando na ruta, xa se oe o ruxir das augas da fervenza que se pode admirar dende a Ponte da Fervenza.

Segue a viaxe atravesando un entorno paisaxístico inigualable, ringleira sen fin de árbores de idade, cores verdes e augas cristalinas, natureza en estado puro.

Se hai sorte pódense atopar no camiño compañeiros tan singulares coma son os corzos, os xabaríns, as donicelas…

Cando xa levan quilómetro e medio percorrido atópase coa encrucillada onde se unen os tres camiños: o que levan, o da entrada polo centro de saúde de Paradela e o da entrada por Rodillón. Máis adiante, a uns metros, pódese descansar para beber algo de auga fresca na Fonte situada a 150 metros do paseo a man esquerda. Continuando a viaxe pásase a poucos metros do Muíño de Pías (150 metros pola dereita baixando ata o río). De volta na senda, comezará a busca do Loio, ata cruzalo na Ponte da Retorta.

O camiño continúa entre ameneiros, salgueiros e carballos, ademais dos emblemáticos e ameazados acivros, ata chegar ó quilómetro 1,9 onde se observa un impoñente Carballo Milenario, ó pé da ruta.

Seguen descendendo cara ó río para chegar ó Muíño da Retorta, cruzando a Ponte do Muíño da Retorta. Este é o máis grande dos muíños que hai na ruta, con catro pedras de moer. Alí atoparanse cunha nova sorpresa, unha fervenza.

Percorridos xa 2,5 quilómetros da ruta, entre pastos e fincas antigas chégase á encrucillada que levaría a Suar. Continúase pola senda da dereita, por un fermoso vieiro cheo de encanto, cruzando fermosas fragas de castiñeiros engaiolados co son do río cantareiro, ata acceder á Ponte de Portocaneiro.

A 200 metros á esquerda da ruta pódese visitar o Muíño de Sucastro, a esta altura xa se levarían 4100 metros percorridos nos que con algo de sorte albiscarían varios tipos de paxaros.

De volta na ruta, deixase atrás o Loio ata chegar á Capela de San Berto, Portocaneiro. Pasada esta, accédese a un fermoso corgo mediante banzos instalados na parede que levan a un novo camiño de carro con vistas ó máis profundo da ribeira e ó pobo de Igón.

De novo volvese á ruta para avanzar ata o desvío que leva ó lugar das Ruínas do Mosteiro de Santa María de Loio, lugar onde se crea a Orde Militar dos Cabaleiros de Santiago, 12 cabaleiros que no ano 1170 fixeron un xuramento para protexer ós peregrinos dos asaltos dos infieis. Consérvanse unicamente restos de edificacións e escaleiras, así como un sarcófago e a capela, Sta. María de Loio (Cortes), recentemente restaurada.

O tramo final da senda leva ata a estrada LU-633, fronte a dous restaurantes: O mesón do Loio e Río Loio - Restaurante O Roberto, onde se poden repoñer forzas coas anguías e as troitas, e mesmo admirar as impresionantes vistas das augas de Belesar.

0.14665102958679