Pascual Sala clausurou a XVI edición das Xornadas Xurídicas de Sarria 'Román García Varela'

SarriaXa
Pascual Sala clausurou a XVI edición das Xornadas Xurídicas de Sarria 'Román García Varela' despois de tres días
xornadas xuridicas sarria 2023
3 Xuño 2023

A XVI edición das Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela', nas que se abordaron os retos aos que se enfronta o Estado de Dereito no século XXI, remataron coa clasura do expresidente do Tribunal Constitucional, do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), Pascual Sala Sánchez.

Durante a súa intervención, chamou a convertelas nun encontro de ámbito internacional, á vez que destacou a súa “calidade xurídica” e os “temas fundamentais e de actualidade” que se trataron nelas desde as súas orixes, entre os que nomeou os dereitos humanos, o medio ambiente, a igualdade de xénero, o dereito urbanístico ou o de sucesións.

Pascual Sala estivo acompañado, na Casa da Cultura da localidade, polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, e polos directores do encontro, Carlos Lema Devesa e Román García-Varela Iglesias.

Desenvolvemento das xornadas

As xornadas, que están organizadas polo Concello de Sarria e que forman parte do programa de Formación Continua do CXPX, reuniron a expertos na materia e a recoñecidos xuristas. Nas mesas redondas interviñeron maxistrados do Tribunal Supremo, expresidentes do Tribunal Constitucional e do TSXG, a directora da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou a presidenta da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia de Galicia.

Ao longo de tres días, os especialistas analizaron, entre outros asuntos, as posibilidades de reforma do sistema tributario español; cuestións xurídicas e éticas relacionadas coa eutanasia; ou as solucións que poden ofrecer aos problemas da Administración de Xustiza os Métodos Alternos de Solución de Conflitos (MASC), tales como a negociación, a conciliación, a mediación ou a arbitraxe.

Ademais dos asistentes presenciais, entre eles máis dunha vintena de xuíces e xuízas de diferentes localidades de España, as xornadas foron seguidas de forma telemática desde outras comunidades autónomas e países como Perú ou Xapón polos máis de 200 estudantes que se inscribiron a través do centro de Lugo da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

0.16030788421631