Confírmanse novos artistas para o XX Festival Internacional de Maxia de Sarria

O XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria segue quentando motores para unha edición histórica en 2025, e faino cunha nova incorporación estelar: Pedro Aragonés, un dos grandes referentes da maxia a nivel estatal, con máis de 30 anos de carreira profesional.
Será a primeira vez que o ilusionista pise Sarria, da man do mago Roberto Lolo, promotor do festival, que o coñeceu hai anos en Bilbao e co que mantén unha amizade dende entón. O mago destacou o seu enorme talento e a forza que desprende sobre o escenario, e asegura que o público “vai flipar cos seus xogos” e o acollerá, como sempre fan cos artistas convidados, “cun cariño brutal”.
Ademais, tamén estará, por primeira vez, o Mago Roger e Rachel Atienza, que traerán un espectáculo exclusivo de grandes ilusións que deixará a todos os espectadores fascinados.
Roger, que debutou en 1996, foi galardoado co Premio Nacional ao Mellor Mago de Escena no Festival Nacional de Maxia Cidade de Sevilla en 2014. Xunto á artista emerxente Rachel Atienza, os asistentes ao festival poderán gozar dunha actuación sorprendente e chea de maxia no Festival de Sarria.
O festival celebrarase do 18 ao 24 de agosto e servirá para conmemorar o seu vixésimo aniversario cunha semana chea de espectáculos, ilusión e artistas internacionais. Con esta nova confirmación, Sarria consolídase como capital galega da maxia e cita imprescindible do verán cultural na provincia de Lugo.