Pedro Blanco destaca o papel do investimento estatal nun momento decisivo para o futuro de Lugo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O encontro serviu para analizar de maneira conxunta as principais liñas de actuación e prioridades da provincia
visita-pedro-blanco-carmela-lopez
10 Feb 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegurou este martes que a provincia de Lugo afronta unha etapa determinante para o seu desenvolvemento, marcada polo forte impulso do investimento público do Estado, que supera xa os 1.400 millóns de euros nos últimos anos. Así o manifestou tras manter no Pazo de San Marcos unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, no seu primeiro encontro oficial, no que tamén participou a subdelegada do Goberno, Olimpia López.

O encontro serviu para analizar de maneira conxunta as principais liñas de actuación e prioridades da provincia en ámbitos estratéxicos como as infraestruturas, a actividade industrial, o turismo e as políticas sociais. Pedro Blanco puxo o acento na evolución positiva que, ao seu xuízo, está a experimentar Lugo, pasando dunha etapa de escasa atención institucional a un escenario no que o Estado mantén unha presenza continuada en todo o territorio, desde os concellos máis pequenos ata as principais comarcas.

Neste contexto, o delegado incidiu na importancia da cooperación entre administracións para dar resposta ás particularidades dunha provincia extensa, con forte carácter rural e cun acusado reto demográfico. Defendeu que o desenvolvemento equilibrado pasa por manter vivo o rural, reforzar as comunicacións, consolidar unha base industrial sólida e garantir uns servizos públicos fortes que aseguren a cohesión territorial.

No ámbito das infraestruturas, Blanco salientou o esforzo investidor realizado no ferrocarril, con máis de 650 millóns de euros destinados á modernización da rede, á estación intermodal de Lugo e á mellora da conexión con Ourense. Tamén se referiu aos avances na rede viaria, destacando a recta final da autovía Lugo–Santiago, así como as actuacións na A-6, na A-8 e noutras vías estratéxicas, xunto cun plan de conservación de estradas que mobiliza máis de 170 millóns de euros na provincia.

Outro dos asuntos centrais da reunión foi o impulso económico. O delegado lembrou que o Plan de Recuperación permitiu canalizar máis de 150 millóns de euros cara á provincia, cunha parte importante orientada á reindustrialización, á innovación e ao apoio a proxectos empresariais. Iniciativas como o Kit Dixital beneficiaron xa a miles de pemes e autónomos lucenses. Tanto Pedro Blanco como Carmela López coincidiron en sinalar a necesidade de que a Xunta de Galicia asuma un maior protagonismo no desenvolvemento industrial de Lugo.

Tamén se abordou a situación do sector primario, ao que o Goberno destinou nos últimos anos máis de 40 millóns de euros en axudas extraordinarias, así como o reforzo das políticas sociais. O delegado destacou a mellora das pensións, o impacto do Ingreso Mínimo Vital e o aumento do emprego estable tras a reforma laboral, subliñando que estas medidas contribúen a mellorar a calidade de vida na provincia.

A vivenda foi outro dos puntos tratados, nun contexto no que Blanco lembrou o esforzo financeiro do Estado para apoiar a rehabilitación, a vivenda pública e o alugueiro accesible, con especial atención ao rural e á mocidade, a través de fondos transferidos á Xunta.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación cualificou a reunión como produtiva e centrada nas cuestións clave para Lugo. Carmela López destacou a complexidade da realidade provincial, marcada pola dispersión, o envellecemento da poboación e os desafíos demográficos, e defendeu a necesidade de adoptar decisións estratéxicas con visión de futuro. Entre as súas prioridades sinalou o impulso da autovía da Mariña, as melloras nas conexións con Ourense e o apoio a unha industria forte, facendo referencia expresa á importancia de Alcoa para a economía da comarca mariñá.

Finalmente, ambas as partes coincidiron en subliñar o valor estratéxico da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, un proceso que entra na súa fase final e que, segundo indicaron, podería supoñer un fito histórico para Lugo se conta coa implicación de todas as administracións.

⚙ Configurar cookies
0.070136070251465