Pedro Blanco puxo en valor o apoio do Goberno de España con investimentos en Sarria

SarriaXa
Pedro Blanco desprazouse ata a localidade para comprobar o impacto positivo dos proxectos financiados polo Goberno
delegado-do-Goberno,-Pedro-Blanco,-en-Sarria
11 Xul 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a aposta do Goberno pola mellora dos servizos públicos dos concellos do rural, que se traduce en 10 millóns de euros de investimentos no Concello da Sarria nos últimos anos para avanzar na súa dixitalización e sustentabilidade.

Pedro Blanco desprazouse ata a localidade para comprobar o impacto positivo dos proxectos financiados polo Goberno xunto co alcalde, Claudio Garrido; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e membros do goberno local.

“Esta axuda permite a substitución de preto de 4.500 puntos de luz por outros novos de tecnoloxía led, cun aforro enerxético do 75 %, reducindo a contaminación lumínica e a emisión de CO2”, explicou o delegado.

Así mesmo, Pedro Blanco destacou a aposta do Goberno “pola transformación verde e dixital dos concellos, cos que camiñamos progresivamente cara modelos sostibles que deixen un impacto positivo tanto no respecto ao medio ambiente como no aforro ás arcas municipais”.

Lembrou que o MITECO “resolveu hai unhas semanas a primeira convocatoria para proxectos singulares co fin de renovar as instalacións de iluminación exterior municipal, que deixan 8,5 millóns de euros en Galicia para actuacións en 9 concellos”.

A este investimento engádese o Plan ÚNICO-Banda Ancha, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos, e que posibilita a chegada de internet de alta velocidade, mediante fibra óptica, a 1.229 vivendas e empresas da localidade, ou a achega da CHMS de 3,5 millóns de euros en distintas actuacións para mellorar o saneamento do Concello de Sarria.

Finalmente, o delegado puxo de relevo a aposta polas comunicacións e a cohesión territorial, “pois Sarria benefíciase da renovación da liña Ourense-Monforte-Lugo, cun investimento de 550 millóns de euros que conectará a provincia coa alta velocidade”, destacando tamén actuacións concretas “como a nova senda peonil que está a poñer en marcha ADIF para conectar non só as vías senón tamén o núcleo urbano de Sarria e o barrio do Mazadoiro, un reclamo veciñal histórico co que damos cumprimento desde o Goberno”.

Pedro Blanco comprometeuse a seguir traballando da man dos concellos para mellorar os servizos públicos e, por tanto, a calidade de vida de todos os veciños e veciñas.

0.16217398643494