Peleriños organiza, con motivo do Día das Letras Galegas, a iniciativa 'O cantar e o tocar'

A Asociación Cultural Peleriños de Sarria organiza, con motivo do Día das Letras Galegas, a iniciativa 'O cantar e o tocar', un conxunto de actividades programadas para toda a veciñanza de Sarria co fin de render homenaxe ás Pandeireteiras e á Poesía Popular Oral, xa que este ano o 17 de maio estará dedicado ás cantareiras e pandeireteiras.
A programación comezará o domingo 27 coa proxección do documental "Dorothé na Vila" no Cine Club da Unión ás 19:00 horas.
A seguinte actividade será o 9 de maio e consistirá nunha mostra das Pandeireteiras dos Venres, entre as 18:30 e as 20:30 horas no Boulevard.
O 13 de maio terá lugar unha xornada de "Aulas na Rúa" para persoas adultas na Praza da Vila, entre as 18:30 e as 21:30 horas, mentres que o 16 de maio se organizarán as "Aulas na Rúa" infantís no Malecón, de 16:00 a 20:00 horas.
Ademais, o 10 de maio celebrarase o acto central desta homenaxe ás Letras Galegas 2025 con varias actividades en O Buril, comezando ás 18:30 horas cun obradoiro infantil de canto e pandeireta impartido por Peleriños; ás 19:30 horas terá lugar un faladoiro coas Pandeireteiras do Alprende: "@escola_alprende: un exemplo de recollida da tradición", impartido por María Casar, da Asociación Ergueitas; e rematará ás 20:00 horas cos concertos das Pandeireteiras do Alprende, Murga e unha foliada libre.