Pícaros do CPI Ramón Piñeiro nace para revitalizar a vida escolar e defender a educación no rural

A recente disolución da antiga ANPA do CPI Ramón Piñeiro deu paso a unha nova etapa no centro educativo de Láncara. Un grupo de oito nais decidiu dar un paso adiante e crear a asociación Pícaros do CPI Ramón Piñeiro, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo defender os dereitos e as oportunidades do colexio, apostando por unha educación inclusiva, igualitaria e adaptada ás familias do ámbito rural.
En apenas unha semana de vida, a asociación logrou sumar máis de cen socios, un apoio que reflicte o forte compromiso da comunidade educativa, veciñal e comercial coa iniciativa. Calquera persoa vinculada ao colexio pode formar parte de Pícaros cunha cota anual de 20 euros por unidade familiar, un modelo aberto e participativo que busca implicar a toda a sociedade nun proxecto común.
Entre as súas primeiras accións, a asociación conseguiu unha ampla e atractiva oferta de actividades extraescolares para o curso 2025-2026, que inclúe baloncesto, robótica, kung fu, inglés, debuxo e expresión artística, ximnasia rítmica, patinaxe e baile e música tradicional, entre outras. A resposta foi tan positiva que nalgúns casos foi preciso crear varios grupos pola alta demanda. As clases comezarán o vindeiro 13 de outubro.
Pícaros tamén traballa na implantación dun servizo de madrugadores e ludoteca, un recurso esencial para favorecer a conciliación laboral e familiar. A proposta chegou incluso a debaterse no pleno do Concello de Láncara, o que evidencia a súa relevancia e impacto social.
De cara a este curso, a asociación xa prepara actividades para datas sinaladas como Samaín, Nadal, talleres e charlas, co obxectivo de dinamizar a vida escolar e construír unha comunidade educativa viva, creativa e comprometida.
Desde a directiva de Pícaros expresan o seu agradecemento polo enorme apoio recibido tanto desde o propio colexio como das familias e dos numerosos establecementos colaboradores de Láncara, Sarria e Lugo. Comercios de distintos sectores —peluquerías, tendas de roupa, ópticas, librarías, locais de ocio ou tendas de electrodomésticos— teñen ofrecido descontos especiais ou colaboración económica para apoiar o proxecto.
Nun concello de menos de 5.000 habitantes e cun único centro educativo, o CPI Ramón Piñeiro, que celebrou o seu 50 aniversario o curso pasado e conta con 230 alumnos de Láncara, O Corgo e O Páramo, iniciativas como esta resultan fundamentais para fortalecer o ensino no rural. “Non queremos que o mundo rural quede atrás. O noso principal obxectivo é que os nosos fillos e fillas teñan acceso ás mesmas oportunidades que en calquera outro lugar”, subliñan desde a asociación.