Plataforma Aire Limpo: “Hai que decidir se sacrificar a calidade de vida por un traballo”

A Plataforma Aire Limpo de Sarria, que xurdiu este ano como unha clara resposta en contra do proxecto de Votorantim en Oural, cre necesario que a veciñanza do municipio Sarria e de toda a comarca coñeza toda a información sobre este proxecto.
"A fábrica de Oural, situada na comarca de Sarria, naceu como unha empresa familiar galega punteira na produción de cemento, pero actualmente pertence á multinacional brasileira Votorantim", explican.
Esta empresa, con presenza en 19 países e investimentos en diversos sectores (minería, cemento, finanzas, inversións inmobiliarias,...), mantén a día de hoxe unha actividade mínima na fábrica, que depende exclusivamente dos intereses da empresa que, din, "por definición busca maximizar beneficios".
Desde a Plataforma expoñen que Votorantim propón agora construír unha planta industrial en Oural para producir combustible sólido recuperado (CSR), é dicir, combustible a partir de residuos.
Concretamente, apuntan, o proxecto prevé a produción de ata 149.700 toneladas anuais deste combustible, destinado a ser queimado na propia fábrica (así o constata o proxecto presentado pola empresa e as declaracións dos seus representantes na charla informativa celebrada en abril en Sarria).
Ademais dos pneumáticos que xa se queiman, engadiríanse ata 92 tipos distintos de residuos, incluíndo lodos industriais, lodos da fabricación de pesticidas, residuos da extracción con disolventes, de pintura e verniz, etc.
"A pesar de que a empresa asegura que o 90 % dos residuos serán madeira, cartón e plásticos, estes só representan unha pequena parte do total, e non se especifica con claridade a súa orixe, o que suxire que poderían proceder doutras comunidades ou do estranxeiro", critican.
Ademais, consideran desde a Plataforma que "o proxecto non avalía os impactos sobre a saúde ou o medio ambiente, algo preocupante dada a evidencia científica sobre os perigos da coincineración. Este proceso emite substancias altamente tóxicas como dioxinas, furanos, partículas, metais pesados, dióxido de xofre e nitróxeno, que contaminan o aire, a auga e o solo, xerando riscos de cancro, enfermidades respiratorias, cardiovasculares, inmunolóxicas e problemas no embarazo e desenvolvemento infantil".
Así, subliñan que a OMS alerta especialmente sobre as dioxinas que se acumulan na cadea alimentaria e afectan principalmente aos seres humanos a través do consumo de alimentos de orixe animal. "A área de influencia destes contaminantes vai máis alá de Oural, afectando toda a comarca de Sarria e podendo chegar máis lonxe dependendo dos ventos", alertan, e engaden que as estacións de control de calidade do aire de Oural "xa amosan os peores datos de Galicia para contaminantes como dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno ou arsénico, e iso nun contexto de baixa actividade, cunha incineración inferior ás 200 toneladas anuais".
Por todo isto, din que medra a preocupación "ante a posibilidade de que se incremente a queima ata as 149700 toneladas previstas".
Porén, para Votorantim, Oural é estratexicamente ideal porque permite producir e usar o combustible no mesmo lugar" e incluso, no seu proxecto "destacan a falta de núcleos de poboación importantes, evitando así avaliar os riscos ambientais e sociais", algo que non consideran certo, xa que o núcleo de Oural medrou arredor da fábrica, con vivendas, un colexio, un parque infantil, unha igrexa e diversos negocios a escasos metros das instalacións.
A veciñanza, din, está ás portas dunha decisión clave: permitir que unha multinacional queime ata 149.700 toneladas de lixo ao ano nunha planta que sitúan a escasos metros de vivendas, escolas e parques infantís, ou rexeitar o que consideran unha “agresión ambiental” a cambio de apenas cinco postos de traballo.
Desde a Plataforma consideran que a cidadanía da comarca debe coñecer os riscos que implica este proxecto e reflexionar sobre o modelo de sociedade que desexa. "Trátase de decidir se compensa sacrificar a saúde, o medio ambiente e a calidade de vida por uns poucos postos de traballo (5 por quenda no pico de actividade) mentres unha multinacional obtén beneficios coa queima de lixo doutros territorios", conclúen.