Podemos Sarria convoca unha asemblea este xoves para elixir o seu equipo impulsor

Podemos Sarria celebrará este xoves, 29 de xaneiro, unha asemblea aberta no Bar Cafetería Ateneo da vila, a partir das 20:00 horas, coa finalidade de elixir o novo equipo impulsor da formación e dar resposta aos rogos e preguntas das persoas asistentes.
Desde a organización explican que a convocatoria está dirixida tanto a persoas inscritas e militantes como a simpatizantes e á cidadanía en xeral interesada na situación política e social actual. A formación anima á participación de todas aquelas persoas preocupadas polo presente e o futuro tanto de España como do contexto internacional, co obxectivo de construír un proxecto político centrado nas necesidades da xente.
A asemblea contará coa presenza da portavoz de Podemos Galicia e do secretario de Organización da formación a nivel autonómico, que participarán no encontro e acompañarán o proceso organizativo local.
Desde Podemos Sarria salientan a importancia deste tipo de espazos de encontro e participación para fortalecer a organización e fomentar a implicación cidadá na vida política do municipio.