“Poder seguir escolarizando nenos talibé”, o soño de Hospitaleros Sin Fronteras

SarriaXa
Jose Mejías Leiva, promotor e presidente de Hospitaleros sin Fronteras, pon en valor o traballo dos cooperantes en Senegal e, concretamente, en Malicounda
Hospitaleros-sin-Fronteras-Senegal
20 Apr 2025

Jessica Fernández

A situación dos nenos talibé de Senegal deulle impulso a Jose Mejías para poñer en marcha hai dez anos a ONG Hospitaleros Sin Fronteras, que ten a súa sede en Sarria, desde onde actúan no país de Senegal.

Desde a súa formación no ano 2015, o presidente da ONG valora positivamente o percorrido levado a cabo, xa que “comezamos con catro persoas e agora contamos con 150 socios que nos axudan economicamente a través da súa cota anual de 60 euros, o que supón uns 5 euros ao mes. Quizais, para eles, 5 euros non é nada, pero para nós supón poder axudar a nenos que viven nunhas condicións pésimas nas daaras, podendo ofrecerlles alimento, escolarización e incluso un lugar mellor onde durmir”, explica Mejías.

Os nenos talibé son aqueles que veñen da zona rural e pobre de Senegal cara ás cidades da man dun marabú, que é como o seu titor legal, despois de que os seus pais os abandonen debido á falta de recursos que sofren e non poder facer fronte á súa manutención; “para os pais, é liberarse dunha carga”, explica Mejías. O marabú, un mestre da escola coránica, acolle arredor de 80 nenos nunha daara, que é o nome que designa o espazo no que habitan eses nenos nunhas moi malas condicións. Dormen no chan, non hai hixiene, nin intimidade, e moitas veces son castigados polos marabú. O obxectivo desta convivencia é que os nenos aprendan o Corán, da man do marabú, e a cambio estes saen obrigados a mendigar ás rúas durante todo o día, tendo que conseguir 80 céntimos. De non facelo, os nenos son expostos a maltrato psicolóxico e físico a través de malleiras, e incluso podendo ser encadeados.

Despois de varias viaxes a Senegal, onde tivo contacto con esta realidade, Jose Mejías non o dubidou e quixo formar parte do cambio de conciencia na sociedade senegalesa, polo que promoveu a creación de Hospitaleros sin Fronteras. “Vin todas as necesidades que tiña a poboación e en especial os nenos talibé, que son moi vulnerables, e decidimos que queriamos cambiarlles un pouco a vida, que puidera ser mellor e que puideran ter un futuro. Agora mesmo temos acollidos 140 nenos aos que lles damos comida diaria e asistencia médica; e, deses, 48 están escolarizados, e nun futuro queremos ter máis. A través da recollida de fondos, reunimos material médico e escolar para logo viaxar, dúas veces ao ano, a Senegal, onde temos tamén catro colaboradores que están con eses nenos de maneira continua”, explica.

Ademais, pon de manifesto a dificultade deste traballo, xa que “para escolarizar a un neno talibé hai que pedir permiso ao marabú e aos pais, que moitas veces o que queren é que o seu fillo aprenda o Corán e volvan ás súas casas a dedicarse á agricultura, á gandería ou á pesca. Porén, é un traballo satisfactorio, xa que ti ves a evolución deses nenos que van cambiando: pasan de estar mendigando nas rúas, expostos a atropelos, á morte... e logo están nunha escola. É emocionante cando chegas e te ven e sorrín porque eles valoran a axuda que lles deches.  Estou orgulloso do noso traballo porque, falando co director do colexio onde temos escolarizados eses nenos, díxome que os que levamos nós eran os mellores estudantes. E iso tamén é porque lles insistimos moito en que estudar vai promover que teñan un futuro mellor”, emociónase Mejías mentres o relata.

A ONG, EN SARRIA

“Hospitaleros Sin Fronteras é unha ONG que actúa desde Sarria, aínda que os nosos 150 socios son de todas partes. E cremos que a xente de Sarria valora a importancia que ten o noso traballo, xa que os nosos colaboradores de Sarria implícanse nas actividades que realizamos e a sociedade, en xeral, cando volvemos dunha viaxe páranos pola rúa e felicítanos polo labor feito. Síntome moi arroupado pola xente de aquí ao igual que me sinto arroupado pola xente de Senegal”.

Ademais, a xente de Sarria “involúcrase moito durante os mercados solidarios que organizamos”, sostén o presidente da ONG, que pon en valor o Mercadillo Solidario Malicounda Teranga, no que se recadan fondos para poder escolarizar nenos e pagar aos médicos que os atenden. Nesta última viaxe, que foi “moi positiva”, participaron “persoas marabillosas que traballaron moitísimo, xa que ademais de coidar os nenos, visitaron moitas aldeas. Tamén levaron roupa e todo tipo de materiais necesarios para os nenos talibé, así como ferramentas e materiais necesarios para seguir co seu maior proxecto, a casa multifuncional que están construíndo en Malicounda. “Esta consta dunha cociña, dunha aula para ensinar oficios aos nenos talibé, un pequeno dispensario e un dormitorio, no que dormen 20 dos nenos escolarizados; incluso fixemos unhas duchas e aseos para mellorar a calidade da hixiene destes rapaces”, sostén Mejías.

Con respecto ás viaxes, “dos 150 socios, hai 65 cooperantes que viñeron algunha vez a Senegal e todos eles din que cando viaxas a Senegal tes sentimentos atopados, xa que ves o sufrimento deses nenos que non adoitas ver en Occidente, pero despois sénteste ben por poder axudar a mellorar a súa vida, curando as súas feridas, dándolle unha educación...”, en definitiva, é unha “experiencia de vida” que Jose lle recomenda a todo o mundo vivir unha vez na vida.

O FUTURO DA ONG

“Hospitaleros Sin Fronteras non podería facer o que fai sen a axuda de todos os nosos socios, polo que para que este proxecto creza, necesitamos que máis xente crea en nós e colabore como socia”, destaca Jose Mejías, que apunta a que o aumento de socios é a necesidade máis importante que teñen para poder manter a ONG nun futuro. Ademais, o tema económico é importante porque “queremos facer un dobre labor: a axuda aos nenos talibé e o apoio ao desenvolvemento do comercio local, polo que, ademais de levar materiais desde aquí, queremos contar con cartos para poder mercar outros materiais alí e colaborar co mercado local”. Aínda así, Jose di entender que á xente “lle custe colaborar economicamente porque as ONGs están miradas con pinzas debido a que sempre houbo fraude”. Con respecto ás institucións, a estas tamén lle piden colaboración: “Necesitamos un vehículo para poder transportar material e mover aos voluntarios dun lado ao outro”. E recoñecen a axuda ofrecida: “O Concello de Sarria cédenos o antigo ambulatorio, onde organizamos as nosas actividades e colaboran con nós no desenvolvemento do Mercado Solidario Malicounda Teranga”.

Finalmente, Jose Mejías só pide un desexo: “Poder seguir escolarizando niños talibé e mellorar a súa vida. Eles viven no chan das daaras e nós proporcionámoslles liteiras, ventás, etc, xa que conviven uns 50 nenos nun dormitorio. Nós temos a sorte de colaborar con marabús novos que cren nun cambio de conciencia para mellorar as daaras e que os nenos non durman no chan, polo que están abertos a que os axudemos. Poder colaborar mellorando as condicións das daaras significa axudar a máis nenos e conseguir escolarizalos e nese camiño estamos”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.13304400444031