Poñen en valor a vivienda de Paradela rehabilitada no marco das ARI

SarriaXa
María M. Allegue destacou como exemplo deste programa a reforma dunha vivenda unifamiliar de dúas plantas en Paradela
vivenda-rehabilitada-Paradela-ARI-Ribeira-Sacra
30 Jan 2025

Paradela foi o escenario da visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta, María M. Allegue, e do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, a unha vivenda rehabilitada grazas ás axudas destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios residenciais nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) supramunicipais dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra.

María M. Allegue destacou como exemplo deste programa a reforma dunha vivenda unifamiliar de dúas plantas, na que se conservaron as fachadas orixinais, e que recibiu unha axuda de 34.000 euros da ARI Ribeira Sacra.

Durante a súa visita, a conselleira tamén percorreu as zonas renovadas no concello lucense grazas ás achegas do plan HURBE da Xunta, concretamente na zona da rúa Pacios, cunha inversión superior a 256.000 euros.

A conselleira subliñou o compromiso da Xunta por asentar poboación no ámbito rural, promovendo a creación de novos fogares que brinden ás familias a oportunidade de comezar unha nova etapa na Ribeira Sacra e nas localidades polas que transcorren os distintos Camiños de Santiago. Así, este ano, a Xunta destina 1 millón de euros para estas axudas, que desde 2021 impulsaron case 1.700 actuacións cunha inversión total de 7,5 millóns de euros.

MÁIS MEDIDAS EN MATERIA DE VIVENDA

Na súa intervención, Allegue tamén destacou outras medidas que a Xunta está promovendo en materia de vivenda, centradas en concellos de pequeno tamaño. Estes inclúen programas como o de reparación de infravivendas para concellos de menos de 10.000 habitantes, o de rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal para localidades de menos de 30.000 habitantes e as axudas á adquisición de vivendas, cunha modalidade específica para beneficiarios en concellos de menos de 10.000 habitantes.

En canto ás axudas para as ARI dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra, o prazo para solicitarlas remata o 27 de febreiro. Será requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén unha vez rematadas as obras e tras ter obtido previamente a cualificación provisional. O orzamento destinado a este programa ascende a 1 millón de euros.

As comunidades de propietarios, agrupacións de comunidades, agrupacións de propietarios e persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas que teñan a cualificación definitiva poderán solicitar as axudas. Estas axudas poden chegar ata o 75% do importe subvencionable da actuación, cun límite de 12.000 euros por vivenda rehabilitada e 30.000 euros no caso de construción en substitución doutra demolida previamente.

0.15459704399109