Ponse en marcha Saborea a túa provincia cunha demostración en San Marcos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Son unhas xornadas gastronómicas e lúdicas gratuítas, que comezarán este sábado en Viveiro e se celebraran todas as fins de semana de agosto.
saborea a tua provincia presentacion deputacion
28 Jul 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este martes a posta en marcha do programa Saborea a túa provincia cunha demostración das xornadas gastronómicas e lúdicas que percorrerán a provincia na praza de San Marcos. Viveiro acollerá este sábado, 31 de xullo, a primeira parada do Saborea, unha cita gratuíta que recalará tamén nos concellos de Burela, Lourenzá, O Valadouro, A Fonsagrada, Guitiriz, Láncara e Monforte de Lemos ao longo das fins de semana do mes de agosto. Para levar un control dos asistentes, e poder aplicar todas as medidas de prevención da Covid, repartiranse entradas que se poderán recoller en cada concello ou no propio recinto.

José Tomé, que compareceu esta tarde na praza de San Marcos xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembrou que Saborea a túa provincia é unha medida incluída no Plan de Impulso da Economía da Provincia que ten como obxectivo “promocionar e incentivar o consumo dos produtos de calidade da nosa terra, como fórmula para dinamizar a economía dos concellos e para axudar na recuperación da hostalería, do turismo, do comercio e dos pequenos produtores, que viron moi mermada a súa actividade pola pandemia.”

Saborea a túa provincia nace ademais con vocación de continuidade “porque responde ó modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”, explicou o Presidente.

Como demostración do que acontecerá en cada unha destas xornadas, un autobús repartiu, diante do Pazo de San Marcos, produtos gastronómicos entre a veciñanza, que tamén puido escoitar os ritmos do grupo Antártida e desfrutar dunha actuación de maxia a cargo do Mago Rafa. Tamén se sortearon diferentes lotes gastronómicos con produtos de proximidade entre os asistentes. Ao acto asistiron deputados e deputadas provinciais e tamén os alcaldes e alcaldesas dos diferentes concellos nos que recalará esta cita lúdica e gastronómica.

Un programa con catro espazos diferenciados

Cada unha das xornadas do Saborea a túa provincia arrancará ás 11.30 horas e prologarase ata as 19.30, e contará con catro espazos diferenciados:

- Un autobús-cociña onde profesionais da asociación provincial de cociñeiros e cociñeiras de Lugo elaborarán receitas con produtos típicos de cada zona.  Utilizarán alimentos con distinción da súa calidade polo selo Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, como a Faba de Lourenzá, a Pataca Galega, o Pemento de Mougán, o Lacón, a Tarta de Santiago, o Mel de Galicia ou o queixo San Simón da Costa; e tamén empregarán nas súas elaboracións razas autóctonas como o Porco Celta, a Galiña de Mos ou o Vacún Galego. Estas demostracións culinarias poderán seguirse nunha pantalla xigante, terán lugar pola mañá e poderán participar un máximo de 50 persoas.

- Degustación de pratos elaborados con produtos de proximidade. Esta actividade terá lugar polas tardes e poderán participar ata 100 persoas.

- Haberá conferencias e catas da man dos responsables de produtos con recoñecemento de Denominación de Orixe e Indicación Xeográfica Protexida da Provincia.

- Outro espazo estará dedicado a concertos, nos que actuarán grupos musicais da zona, e a espectáculos de maxia para os máis pequenos da man do Mago Rafa.

Entre as persoas que participen en calquera das charlas, actuacións e obradoiros, sortearanse máis de 100 lotes de produtos gastronómicos da provincia.

9 concellos con receitas adaptadas aos produtos de cada un

As demostracións culinarias e as degustacións que se celebrarán no autobús do Saborea a túa provincia terán lugar entre as 12.30 horas e as 14.00 horas e os cociñeiros e cociñeiras utilizarán para as súas elaboracións os produtos de proximidade máis característicos de cada concello. Entre as receitas que se elaborarán:

  • Viveiro. O sábado 31 de xullo elaborarase merluza de Burela salgada e curada con vizcaína dos seus callos a cargo de Michel Cociña, do restaurante Fumieiro (Covas).
  • Burela. O domingo 1 de agosto farase bonito curado, crocante de curri e vinagreta da man de Bruno Pena, do restaurante Oca Playa (Foz).
  • Lourenzá. O sábado 7 de agosto cociñarase faba de Lourenzá IXP con espada en escabeche e clorofila de codium polo cociñeiro do Asador del Alba (San Cosme de Barreiros), Jesús Villarino.
  • O Valadouro. O domingo 8 de agosto elaborarase merluza de Burela e aliño de mel do Valadouro a cargo de Bruno Pena, do restaurante Oca Playa (Foz).
  • A Fonsagrada. O sábado 14 de agosto farase troita curada, brioche e alioli de escabeche e sopa de mel e vainilla, biscoito de limón e migas de chocolate da man de Pablo Vila Cano, do restaurante Oca (Santiago).
  • Guitiriz. O sábado 21 cociñarase touciño de Porco celta glaseada con pementos de Mougán e os seus crocantes da man do cociñeiro Santi Almuiña, do Mesón Colón (Nadela).
  • Vilalba. O domingo 22 elaborarase un canelón recheo de capón de Vilalba trufado con espuma de San Simón e flor de allo a cargo do cociñeiro de Pascuais Eventos (Parada de Outeiro de Rei) Diego López.
  • Láncara. O sábado 28 de agosto cociñarase galo de Mos en tres coccións con San Simón, por Santi Almuiña, do Mesón Colón (Nadela).
  • Monforte de Lemos. O domingo 29 de agosto farase tenreira “arábiga” con parmentier de moca e nata solla do cociñeiro Manuel Fernández, do restaurante Manuel Bistró (Monforte de Lemos).

No desenvolvemento de todas estas actividades aplicaranse todas as medidas de prevención da covid decretadas polas autoridades sanitarias, adaptándoas á evolución da pandemia e á situación epidemiolóxica de cada concello.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1441330909729