Pontón anuncia en Sarria que Altri e Mercosur ameazan o sector gandeiro, clave para o rural

SarriaXa
A portavoz nacional participou nun xantar coa militancia e cargos políticos do BNG de cara a quentar motores a un ano das eleccións
explotacion-ana-ponton-sarria
7 Feb 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou unha explotación de vacún en Sarria, concretamente na parroquia de Chorente, -"hoxe estou na casa", destacou-, unha das 28.000 explotacións de bovino que hai en Galiza, onde representan un piar da economía e da creación de emprego no rural. O sector produce anualmente 95.600 Tm de carne de vacún, das que 23.000 están amparadas pola indicación xeográfica tenreira galega.

“Quero destacar que as explotacións de carne son clave para manter un rural vivo, estratéxicas en termos sociais e ambientais; crean riqueza, crean postos de traballo, fixan poboación e manteñen o territorio coidado e, por tanto, axudan a loitar contra os incendios”, destacou a líder nacionalista.

Por iso, resulta incomprensible o empeño do goberno de Rueda en chantar no corazón do rural a bomba ambiental de Altri, denunciou, “unha macrocelulosa que supón un auténtico torpedo para as explotacións agrogandeiras das comarcas afectadas e pon en risco miles de empregos, na terra e no mar”.

O Partido Popular sabe perfectamente o que supón este proxecto, denunciou, por iso mantén ocultos os acordos segredos entre a Xunta e ALTRI, asinados polo ex vicepresidente segundo de Rueda Francisco Conde, a través da Sociedade Impulsa, da que era presidente. Unha documentación que o goberno do PP esconde baixo sete chaves, pese ás peticións realizadas polo BNG no Parlamento, de aí o recurso presentado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza reclamando o acceso a esa documentación, que acaba de ser aceptado a trámite.

“O goberno de Rueda leva dous anos ocultando os seus acordos con Altri, por iso non tivemos máis remedio que acudir á Xustiza para poñer luz onde o PP quere que haxa opacidade, explicou Pontón, e esperamos poder ter acceso a esa documentación moi pronto”.

Fronte a un PP que defende os intereses dunha macrocelulosa portuguesa, o BNG vai seguir “do lado da xente do rural e estou absolutamente convencida de que imos frear esa bomba ambiental porque imos ganarlle a batalla a Altri e ao goberno do Partido Popular”, subliñou.

Lamentablemente non é a única ameza contra o sector agrogandeiro que conta co apoio entusiasta do PP, denunciou, en referencia ao acordo UE-Mercosur que coloca ós produtores de carne na indefensión e nunha posición de competencia desleal, porque o sector galego produce con estándares ambientais, sanitarios e de benestar animal máis estritos que os que se aplican nos países do Mercosur, que teñen menos custos ou poden abaratar prezos.

“Nunha Galiza na que predominan explotacións de tamaño medio, unha caída do prezo pode supoñer a diferencia entre viabilidade ou peche”, recalcou. Unha preocupación que tamén comparte o concelleiro Efrén Castro, coñecedor da importancia do sector para Sarria e comarca, destacando a oposición do BNG e o compromiso para parar ese tratado.

A posición do BNG é clara, declarou, “non apoiamos o acordo de Mercosur, porque deixa ao sector indefenso, e isto pasa cun goberno do PP cruzado de brazos que abandonou os nosos gandeiros e gandeiras nun momento crítico no que se xogan a supervivencia das súas explotacións. Ao contrario, o PP votou a favor dese acordo no Parlamento Europeo, igual que o fixo o PSOE”, critica.

Cita coa militancia en Sarria

O Bloque comparte as críticas e preocupacións dos produtores e produtoras de carne, e por iso vota en contra do acordo no Parlamento galego, no Congreso e na Eurocámara e demanda ao goberno da Xunta e ao goberno do Estado que rectifiquen e se poñan do lado dun sector estratéxico para Galiza. “Dicimos non ao acordo Mercosur para dicir si os nosos produtores”, recalcou.

Pontón tamén participou nun xantar organizado pola militancia e polos responsables políticos do BNG en Sarria, -entre eles o concelleiro e vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e a concelleira Mónica López-, para coñecer de primeira man as necesidades do concello e da veciñanza e empezar a quentar motores de cara ás eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro ano.

Unha cita coas urnas á que a formación nacionalista dá a máxima importancia para avanzar en apoio social e electoral e para seguir estendendo o modelo de goberno municipal de calidade do Bloque por máis concellos, un modelo que ten demostrado a súa capacidade para transformar en positivo, para mellorar a vida da veciñanza e que son un exemplo de honestidade, boa xestión e participación.

“Ese modelo é o que tamén queremos para Sarria e queremos dar un salto adiante tanto neste concello como no conxunto da comarca, con moitas expectativas porque temos persoas comprometidas, traballadoras e imos ir ás próximas eleccións municipais co empeño de incrementar as alcaldías e tamén de mellorar a nosa representación, porque temos un modelo municipal de éxito que consegue que haxa máis desenvolvemento rural, mellor calidade de vida, cunha aposta clara polos servizos públicos e con ese modelo imos pedirlle a confianza nas próximas eleccións locais ós veciños e veciñas de Sarria e da súa comarca”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.072936058044434