Pontón promete un reforzo do Servizo de Axuda no Fogar na presentación da lista do BNG por Lugo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O financiamento que reciben da Xunta os concellos para o SAF pasaría de 12 a 20 €/hora, aportando máis cartos para reducir as listas de espera por esta asistencia.
candidatura bng por lugo
19 Jan 2024

O financiamento que reciben da Xunta os concellos para o SAF pasaría de 12 a 20 €/hora, aportando máis cartos para reducir as listas de espera por esta asistencia.

A portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, comprometeuse como presidenta a reforzar o Servizo de Atención no Fogar (SAF), incrementando a súa financiación con 86 millóns de euros para mellorar a súa calidade e que chegue a máis familias. Unha promesa que se enmarca na súa determinación de liderar un goberno “que poña ás persoas no centro e dea prioridade aos coidados, en particular das persoas maiores, que teñen todo o dereito a unha vellez digna”.

Segundo a proposta do BNG, o financiamento que os concellos reciben da Xunta para a prestar atención a domicilio pasaría de 12 a 20 euros por hora, o que permitiría aumentar a calidade do servizo e que este chegase a máis familias que agora están en lista de espera por falta de recursos. O aumento do 66 % nos fondos do SAF axudaría ademais a combater a “precariedade” nos traballos de coidado ás persoas, que maioritariamente soportan as mulleres. “Temos que coidar a quen nos coida”, advertiu.

“Non aceptamos o modelo do PP que, ou ben permite facer negocio co coidado das persoas maiores ou ben descarga o peso deses coidados sobre as mulleres”, afirmou a candidata nacionalista en Lugo, unha das provincias co nivel de envellecemento da poboación máis alto. Fronte a ese modelo, contrapuxo, para o BNG os coidados pasan por ter servizos públicos de calidade, cunha rede pública “sólida e ben financiada” que permita que as persoas maiores “poidan estar na súa casa e ben coidadas”. “Esta será unha prioridade de País para o Goberno que eu presida”, garantiu.

Pontón avanzou a súa proposta durante a presentación da candidatura que lidera Olalla Rodil para por en marcha un Lugo “con máis oportunidades, benestar e futuro”. Un acto no que subliñou que o cambio galego é “urxente e necesario e, sobre todo, imparable” se todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza se mobilizan masivamente nas urnas o 18F da man do BNG.

“Hai partido e saímos a gañalo. Pero non podemos dar nada por feito”, proclamou nunha chamada á “redobrar esforzos, multiplicarnos e falar con todo o mundo, coa man tendida e un sorriso” para mobilizar á maioría social que quere cambio e facer historia a partir do 18-F cunha presidenta liderando o próximo goberno da Xunta.

Rodeada polos candidatos do BNG, Pontón comprometeuse a ser “a presidenta dun goberno que cumpra con Lugo” e poña fin a anos de discriminación, sobre todo no que se refire ás infraestruturas. “Xa está ben de discriminación, basta de esperar por infraestruturas que se eternizan”, afirmou.

Se os galegos e as galegas lle dan a confianza necesaria o 18-F, declarou “alto e claro”, unha das súas prioridades á fronte da Xunta será rematar a autovía Lugo-Monforte. Comprometeuse a facelo en catro anos porque, dixo, esta é unha vía fundamental para as comunicacións na provincia.

Una presidenta esixente para por fin á discriminación no ferrocarril

Do mesmo xeito, garantiu que será unha “presidenta esixente” co Goberno do Estado para impulsar a axenda de infraestruturas do Estado e, nomeadamente, para avanzar na comunicación ferroviaria porque “non pode ser que Lugo sexa a única cidade que non ten conexión directa coa capital de Galiza”. “Hai que poñer fin con esta discriminación e con este anacronismo porque o tren é o transporte de futuro”, proclamou.

A portavoz nacional do BNG referiuse a Olalla Rodil como a “mellor capitana” para liderar a candidatura por Lugo e dela subliñou “a súa experiencia parlamentaria, a solvencia e o rigor”, ademais do “coñecemento profundo dos problemas de Lugo e como abordalos”. Tamén o seu compromiso feminista e a súa “enerxía para pelexar por todas as causas xustas”.

Como número dous, Dani Castro “rompe o tópico de que a xente moza non se implica”, salientou Pontón, que puxo en valor así mesmo as novas incorporacións na lista do BNG por Lugo, persoas como Montserrat Valcárcel, Iago Suárez, Iria Cotelo ou Martín Souto que aportan empuxe e forzas renovadas.

Olalla Rodil salientou que Lugo precisa como “auga de maio” un goberno liderado polo BNG que blinde os servizos públicos e especialmente a sanidade, un goberno cunha presidenta “sen ataduras” que remate co “illamento” que sofre Lugo en canto a infraestruturas e que, ademais, coide do rural apostando pola cohesión e o equilibrio territorial.

0.17364907264709