Por ser a sede da entidade Auxilia

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
11 Maio 2022

Por Fernanda Arrojo

Desexo adicar a miña colaboración de maio a unha entidade que celebra, neste mes, o seu cincuenta aniversario: Auxilia. Cinco décadas de historia moi vinculada á cidade de Lugo.

Lembro que un día, cando tiña seis anos, recibimos na casa a visita dun cura, acompañado de dous mozos voluntarios que querían facer cousas con nenos coma min, é dicir, con algunha discapacidade.  Ese cura foi Xesús Mato Mato quen, sabendo da existencia en Barcelona dunha entidade Internacional, que xa levaba vinte anos con sede nacional na cidade condal e que facía actividades de voluntariado con este colectivo, decidiu fundar na nosa vila unha delegación.

Esta entidade que, nas súas orixes se ocupaba da formación de enfermos de longa duración en hospitais e domicilios, grazas á colaboración de profesorado voluntario, foi orientando a súa actividade cara ás persoas con discapacidade posto que se atopaban nunha situación de clara exclusión social.

Se así era en Barcelona, as circunstancias non estaban moito mellores en Lugo, todo o contrario, sobre todo no medio rural, onde o entorno era moito máis excluínte.

Para comezar, non se vían cadeiras de rodas polas rúas.  Por que?  Porque se atopaban grandes barreiras arquitectónicas e urbanísticas,  á hora de querer saír da casa: portas estreitas, pisos sen ascensor, chanzos considerables nas beirarrúas... Todo iso mesturado con prexuízos familiares e estereotipos sociais que confinaban á persoa nunha contorna que lle impedía desenvolverse en condicións de dignidade.

Por iso, Auxilia comezou a organizar actividades de tempo de lecer e colonias de verán, contando coa acción voluntaria dun grupo de mozos e mozas, veciños da cidade, con grandes inquedanzas socioculturais e con moitas ganas de cambiar o mundo, especialmente o que estaba máis preto deles.

Unha vez que as persoas con movilidade reducida saían do fogar, a acción voluntaria de Auxilia en Lugo orientouse á procura do  desenvolvemento persoal a través da reivindicación dun ensino integrador e, por que non, da inserción laboral deste colectivo.  Época que coincidiu coa entrada en vigor, en 1982, da LISMI (LEI DE INTEGRACIÓN SOCIAL DE MINUSVÁLIDOS). Cabe mencionar a implicación na súa elaboración da que entón era a Coordinadora Local de Auxilia en Lugo: Marisol  Bravos.

Dela derivarían toda unha serie de leis sobre educación, prestacións económicas e servizos terapéuticos.  Por iso, Auxilia-Lugo realizou campañas de sensibilización social, xornadas informativas e actividades reivindicativas, sen deixar de lado outras máis lúdicas, como o deporte adaptado, creando a Asociación Deportiva Auxilia-Lugo (da que xa falei en colaboracións anteriores).

Ese grupo inicial de monitores foi substituído por un voluntariado máis formado, con experiencia previa noutras entidades e que sabía o que quería facer, coincidindo coa a primeira Leí de Voluntariado, a nivel estatal. Levaron a cabo actividades non só recreativas senón tamén  integradoras e de participación social con nenos e nenas con discapacidades: Comparsas de Entroido, Certames de cómics para escolares da provincia, saídas recreativas-culturais...

Daquela, a xunta directiva da entidade, na que eu xa era delegada local, continuou o traballo reivindicativo en materia de accesibilidade,  iniciado con anterioridade, pero nesta ocasión dun xeito máis xeneralizado, conseguindo a aprobación dunha ordenanza municipal de supresión de barreiras arquitectónicas, urbanísticas, de transporte e comunicación, na que se contempla a creación dun gabinete de accesibilidade, no que participei ata 2011, xunto co meu compañeiro Aquilino González.

Xa no comezo do século XXI, a entidade adáptase aos novos tempos, contratando unha traballadora social para prestar un servizo de información, orientación e asesoramento aos socios e á poboación en xeral. Despois se contaría coa colaboración dunha pedagoga e, máis tarde, dunha psicóloga.

Tras min, seguirían outros delegados, como Manuel Piñeiro e, na actualidade, Nuria Neira.  Ambos con longa experiencia como voluntarios dunha entidade que, pouco a pouco, vai adaptándose ás novas tecnoloxías coa creación dunha páxina web: Lugoaccesible.net.

Na miña última etapa, dentro da directiva, ocupei o cargo de vogal de Muller, ante a discriminación interseccional que sofren as mulleres con discapacidade.

Celebráronse os vintecinco, os corenta e, agora, os cincuenta anos de existencia dunha entidade pioneira no seu momento e que axudou moito a transformar non só a cidade, senón tamén a mentalidade da sociedade lucense.

0.18082404136658