Por ser un espazo de creatividade

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
11 Apr 2022

Por Fernanda Arrojo

Con anterioridade, xa comentei que para min Lugo, hai máis de 30 anos,  era unha cidade escura, sinistra, triste. Tempo despois, descubrín outra realidade moi contraria á que coñecera. E ademáis, fun descubríndoa pouco a pouco, coma se dunha caixa de sorpresas se tratase.

En primeiro lugar, descubrín o amor que había polo teatro nesta cidade, cando asistín a un curso do grupo Achádego, impartido na antiga sede do Clavi.

Sempre gustoume o teatro, interpretar personaxes que teñen unha traxectoria vital moi diferente á miña. Mais nunca pensei que podería chegar a pisar por enriba  dun escenario.

E chegou o momento, non para interpretar un papel dramático, senón para bailar unha especie de bachata con todo un bailarín, deportista de alto nivel e, por suposto, lucense, Jandro Pallares Ferreiro, profesor da academia de baile Ritmo Lugo.

Pero, non ían por aí as miñas “capacidades” máis óptimas, aínda que serviu para romper barreiras e borrar o medo escénico.

Non deixei de cultivar a miña afección ao teatro. Na actualidade estou co Hipócrita Teatro, preparando cousas e, como xa dixen, abríronme as “portas”.

E tampouco, deixei de ser espectadora, como cando fun ver a performance feita polos mozos e mozas que fan teatro no campus universitario de Lugo, baixo a dirección de Paloma Lugilde, na que participaba unha amiga con diversidade funcional.

E se estamos a falar de improvisación e contacto directo con público, temos a asociación Curuxán, algunhas noites no actual Clavicémbalo.

Tamén quero facer unha breve lembranza a un grupo, representativo do teatro amador na nosa cidade, a agrupación teatral do HULA.

Lugo se está a convertir nunha vila privilexiada para pasear, non só polos espazos verdes da contorna, senón por diversos murais e graffitis de artistas lucenses que fai recrearnos nunha gran mostra de creatividade. Sobresae un número un como Diego As. Sorprende, gratamente, camiñar pola rúa, sendo espectadora das diferentes mostras de arte urbá.

Pero hai outros pintores que queren reflectir o espírito da cidade, como Macía, quen, utilizando unha ampla gama de cores, transmite a esencia cotiá dun día chuvioso no centro da vila ou botando unha ollada, dende algunha ventá, á nosa Muralla bimileniaria.

Artísticos tamén son algúns escaparates, basta con baixar pola rúa San Pedro e ver como Isabel Somoza, empresaria, profesora e artista gravadora, fai auténticos deseños artísticos nos históricos almacéns da súa familia. 

Se na pintura temos creadores, tamén os hai na narrativa, na aventura de contar contos, só hai que escoitar a Ana Carreira, contadora, escritora e actriz, ela representa un bó exemplo diso. 

E é que na literatura contamos con autores e autoras destacadas, incluso orixinarias doutra beira do Atlántico, coma Luz Darriba que sempre quere darlle unha chiscadela á nosa conciencia ante calquera problemática social. 

Tamén a escritura converteuse nunha gran afección para a veciñanza de Lugo, aparecendo varios obradoiros creativos.  Aquí quero citar ao grupo Emcreativo, da asociación Alucem, baixo a batuta de Alejandro Robledillo, editor dalgunhas obras dos seus alumnos como Pablo Veiga ou Raquel Pardo.

Escribir, pintar, interpretar... darlle ás á nosa creatividade, iso tamén se pode facer en Lugo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14892411231995