Preparan unha homenaxe a Jorge López, eterno presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago

O colectivo Peregrinos Dezae, con sede en Lalín, prepara unha sentida homenaxe a Jorge López Rodríguez, histórico presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, cargo que ocupou dende a fundación da entidade ata o seu falecemento en 2024.
O acto terá lugar o vindeiro 12 de xullo, coincidindo co primeiro aniversario do seu pasamento, e os organizadores teñen a intención de levar a cabo un percorrido desde a sede da Asociación que presidía Jorge López ata o Concello de Sarria, onde terá lugar un acto institucional. Despois, as persoas participantes xuntaranse para celebrar un xantar conxunto nun establecemento da vila de Sarria.
A xornada de lembranza reunirá a persoas e entidades estreitamente ligadas ao mundo xacobeo, co obxectivo de recoñecer a traxectoria e o legado de López, figura clave na promoción e defensa da ruta xacobea dende a comarca de Sarria, un dos tramos máis emblemáticos do Camiño Francés.
A homenaxe conta co respaldo de entidades de referencia no ámbito xacobeo, como a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, a Fraternidade Internacional do Camiño, a Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago e os Concellos de Sarria e Triacastela.
Ao evento asistirán tamén múltiples colectivos de amigos do Camiño, tanto galegos como doutros puntos do Estado e do estranxeiro, xa que durante a súa etapa como presidente, Jorge López destacou por fomentar redes de colaboración que traspasaron fronteiras, logrando irmandamentos con entidades como o Círculo Chileno de Amigos del Camino ou os promotores da ruta xaponesa Shikoku Henro, consolidando así un espírito de irmandade internacional arredor do fenómeno xacobeo.
A homenaxe pretende ser un espazo de encontro e gratitude, onde lembrar a figura de quen dedicou a súa vida a impulsar os valores do Camiño e a acoller a milleiros de peregrinos que cada ano percorren Galicia rumbo a Compostela.
Un dos organizadores sostén que "hai moitísima xente que quería a Jorge López, polo que este acto é unha forma de lembralo e honrar a súa memoria".