Presentación do libro Aquela nena de Sarria o vindeiro luns
O próximo luns, 31 de maio, ás cinco da tarde, na Casa de Cultura de Sarria, vai ser presentado o libro Aquela nena de Sarria, de Antonio Giz e Xulio Xiz, editado polo Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Concello de Sarria.
O libro completa o proxecto do mesmo nome, composto ademais pola web www.aquelanenadesarria.gal, a exposición itinerante que a finais deste mes ten completado un total de 42 destinos en todo Galicia, e un catálogo desta exposición cos contidos íntegros da mesma para que os visitantes poidan “levar a exposición para a casa”.
No libro, que conta cunha presentación de Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, abórdanse os anos sarriáns e lucenses de Xela Arias, con atención especial á familia Arias-Castaño, os colexios de Barreiros e Fingoi (fundados polo financeiro Antonio Fernandez), e o especial vencello de Xela Arias co idioma galego, con Sarria e coa escrita; palabras de Xela e palabras sobre Xela, e as achegas de membros da familia da escritora, Asuncion Fernández Puentes (directora do Colexio Fingoi) e Xaime Félix López Arias (amigo da familia Arias-Castaño), entre outros.
No aspecto literario, cómpre destacar as creacións poéticas na honra de Xela de sete voces do panorama poético sarrián da actualidade, así como as creacións poéticas de 45 alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, coordinados polos profesores Lola Chaos e Eduardo Rey.
O colectivo Nova Poesía Guitírica, coordinado por Antón de Guizán, participa neste libro con Vilariñas para Xela Arias, obras dos escritores Miguel Barrera, Clara Blanco, Luz Campello, Amalia Díaz, María Xosé Lamas, Emilia Martínez, Pilar Maseda, Carlos Neira, María Pereira (Oslita), Xelo Teixido e Antón Tenreiro.
Completan as ofrendas poéticas a Xela as compoñentes de Elas-compañeiras de viaxe, grupo formado por Ana Romaní (da R.A.G.), María Xosé Queizán, Marica Campo, Carmen Blanco, Marga do Val, Susana Trigo, Yolanda Castaño, Olga Novo e Cristal Méndez Queizán.
O libro está xa publicado integramente na web do proxecto, e na Biblioteca Virtual de Galicia Digital (da que fai o número 226 dos volumes ao dispor do público), podendo accederse a el.