Presentado o novo libro do San Xoán de Sarria

O Arquivo Histórico Comarcal de Sarria conserva xa un total de 93 programas das festas do San Xoán, cuxa edición máis antiga data de 1906. Así o destacaron o alcalde, Claudio Garrido, a concelleira de Festas, Geni Valcárcel, e o investigador Xaime Félix López Arias durante a presentación do novo libro do San Xoán de Sarria, unha obra que recolle toda a programación deste ano xunto a diversos textos literarios e históricos.
A tradición de editar un programa para estas festas remóntase a 1906 e 1917, anos dos que se conservan os exemplares máis antigos. Do período comprendido entre 1930 e 1936 consérvanse sete programas, mentres que dos anos 1939 e 1940 hai outros dous. Non houbo festas en 1941, pero entre 1942 e 2019 consérvanse 78 programas, nalgúns casos con dúas edicións por ano. As festas interrompéronse nos anos 2020 e 2021 pola pandemia, e retomáronse desde 2022, con catro novos programas ata este 2025.
O libro presentado non só recolle o cartel e a programación actual, senón tamén unha reseña sobre o pregoeiro deste ano, o empresario Jesús Pato Mourelo, un resumo das novas máis destacadas do último ano e unha serie de colaboracións do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco, do que forma parte o propio López Arias.