Presentado o percorrido da etapa lucense do Gran Camiño

SarriaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa
A Vicepresidencia da Deputación patrocina a proba que percorrerá Lugo, Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Bóveda, O Incio, Samos e Sarria.
22 Jan 2023

A Vicepresidencia da Deputación patrocina a proba que percorrerá Lugo, Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Bóveda, O Incio, Samos e Sarria.

A primeira etapa da volta ciclista profesional O Gran Camiño, patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, traerá algúns dos mellores ciclistas e equipos internacionais as comarcas de Lugo, Sarria, A Ulloa, Chantada e Lemos. O percorrido completo da etapa, que se disputará o vindeiro 23 de febreiro, desvelouse esta tarde en Compostela, na presentación oficial da volta, coa presenza do deputado de Deportes, Efrén Castro.

Tras confirmarse a finais de decembro que a saída será en Lugo - coa Muralla como pano de fondo - e a chegada en Sarria -localidade de referencia do Camiño de Santiago- concretouse o itinerario do pelotón, con paso polos concellos de Lugo, Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Bóveda, o Incio, Samos e Sarria. Un total de 188 quilómetros, con tres portos de montaña: Alto de Fontenla (2ª categoría), Cruz do Incio (3ª categoría) e San Fiz (3ª categoría).

Efrén Castro sinalou que “esta segunda edición de O Gran Camiño ofrece unha oportunidade única para amosar con orgullo ao mundo o patrimonio cultural e natural de Lugo e das comarcas do Sur, xa que a presenza dos grandes nomes do ciclismo internacional asegura a atención mediática e deportiva sobre a proba”.

O responsábel provincial referiuse ao “deseño do percorrido que, co Camiño como referencia, leva os ciclistas por algúns dos monumentos e espazos naturais máis emblemáticos da metade sur da provincia -desde a Muralla ou o mosteiro de Samos ata a praia da Cova – e achega o espectáculo deportivo ás localidades, comezando no propio centro histórico de Lugo e atravesando núcleos coma Guntín, Taboada, Chantada, Escairón, Monforte, Bóveda, O Incio, Oural, Samos e finalizando un ano máis no corazón de Sarria”.

A Muralla de Lugo, punto de partida

A presentación achegou tamén detalles sobre o inicio da proba, no que o protagonismo será para a Muralla de Lugo. A etapa comezará cunha rolda de presentación dos equipos no monumento Patrimonio Mundial da Humanidade. O tenente alcalde Rubén Arroxo agradeceu á organización e á Vicepresidencia da Deputación de Lugo que “contasen con Lugo para a saída da proba, poñendo o foco sobre o noso elemento patrimonial máis emblemático, un ben patrimonio mundial que queremos seguir promocionando a nivel internacional e que a través das canles de difusión deste evento se verá en pantallas en decenas de países”.

Participación e difusión

A organización confirmou a presenza na proba do Team Jumbo-Visma Cycling, Movistar, Astana, Cofidis, Eolo Kometa e Corratec, e de nomes propios como o do vixente campión do Tour de Francia, Jonas Vingegaard.

O Gran Camiño permitiu o ano pasado que as paisaxes galegas chegasen a millóns de espectadores de todo o mundo a través das súas canles de difusión e, principalmente, da emisión de Eurosport, constituíndo unha auténtica “xanela ao mundo” para Galicia. Tamén nas estradas, devolveu aos galegos a posibilidade de gozar dunha volta ciclista profesional 20 anos despois da última Volta a Galicia destas características.

A etapa lucense, o 23 de febreiro, será a primeira das catro da volta, que contará con unha en cada provincia. Rematará na Praza do Obradoiro.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14931488037109