Presentan a imaxe oficial da XVIII Festa do Cocido do Porco Celta, que pon en valor tradición e gastronomía

A organización da XVIII Festa do Cocido do Porco Celta de Sarria fixo pública a imaxe oficial desta edición, unha proposta visual que afonda na tradición, na gastronomía e na identidade da comarca e que pretende simbolizar o valor do Porco Celta como produto emblemático, ligado á calidade e ao orgullo pola terra. O deseño convértese así nun convite á veciñanza e ás persoas visitantes para participar nunha cita que combina cultura, cociña tradicional e sentimento de pertenza.
A festa celebrarase o sábado 31 de xaneiro e contará cun pregoeiro de excepción, Fernando Romay Pereiro, galego, olímpico e lenda do baloncesto, coñecido tamén pola súa implicación en iniciativas sociais, deportivas e gastronómicas. A súa participación achega un atractivo engadido a un evento que, ano tras ano, continúa afianzándose como unha das referencias gastronómicas máis destacadas da Comarca de Sarria.
A presentación da cita tivo lugar na localidade coa presenza da directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, e da xefa provincial de Turismo, Paloma Vázquez, quen puxeron en valor a importancia desta convocatoria, capaz de congregar cada ano centos de persoas arredor dun produto autóctono de grande relevancia para o territorio.
A Xunta de Galicia renovou a súa colaboración coa Festa do Cocido do Porco Celta e mantén o seu apoio á raza mediante un convenio coa asociación de criadores Asoporcel, prorrogado o pasado mes de setembro e dotado con 436.850 euros ata o ano 2027. Este acordo ten como finalidade continuar coas tarefas de recuperación e conservación do porco celta.
A este respaldo súmanse tamén as axudas da Consellería do Medio Rural destinadas á creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e ás actuacións vinculadas aos programas de cría, co obxectivo de garantir a promoción e preservación desta raza singular.