Presentan un novo proxecto para facer fronte ao despoboamento rural

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Presentan o proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente para facer fronte ao despoboamento rural
Ribeira Piquein presentacion
13 Apr 2023

Montefurado, en Ribeira de Piquín, acolleu a presentación do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, que está financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O obxectivo é a creación de ecosistemas de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía.

A esta presentación acudiron o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón e o alcalde da localidade e tamén Deputado provincial de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico.

Pablo Rivera destacou este proxecto como “un novo un instrumento, eficaz e innovador, fronte ao reto demográfico aproveitando os recursos do rural”, que, “como sempre defendemos na Deputación, non está baleiro, senón cheo de ideas, iniciativas e oportunidades, que necesitan do apoio e as políticas públicas axeitadas para que salgan adiante”.

Neste sentido, o deputado explicou que a institución provincial está centrada “en dúas cuestións fundamentais, como son dotar e mellorar os servizos públicos e apoiar ao tecido produtivo” para contribuír a fixar poboación. Dentro da súa estratexia fronte ao reto demográfico, avanzou, a Deputación celebrará o vindeiro xoves 20 de abril unha xornada “para abordar as estratexia que se están a desenvolver, e recabar opinións e ideas que nos axuden a seguir avanzando na loita contra o despoboamento”.

Este proxecto está financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico cunha contía que supera os 200.000€, e implica aos concellos da Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, onde se levou a cabo o acto, Pol, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara e Pedrafita do Cebreiro, cunha poboación conxunta de 22.000 habitantes.

No acto tamén estiveron o vicepresidente primeiro da FEGAMP, Alfonso Villares, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou a necesidade de desenvolver proxectos de innovación social na provincia para facer fronte ao despoboamento do medio rural. “Dende as administracións é urxente traballar para dar resposta a unha responsabilidade común como é o reto demográfico, por iso debemos contribuír ao reequilibrio territorial e garantir a igualdade de oportunidades para que as persoas que viven no medio rural sigan vivindo del, ao tempo que atraemos e asentamos nova poboación nas nosas vilas”, manifestou a subdelegada.

Na súa intervención, a subdelegada subliñou que o reto demográfico “é un reto democrático que temos que atender” e remarcou que este tipo de propostas deben ir acompañadas do desenvolvemento de servizos públicos esencias de calidade, asegurar a funcionalidade do territorio con infraestruturas para a conectividade, tanto física como dixital, e facilitar a xeración de proxectos empresariais, culturais e sociais nos municipios.

“Porque o Lugo de interior non está baleiro nin está só. A forza, a perseveranza e a creatividade de persoas, do tecido asociativo dos pobos, de cooperativas, de produtores e emprendedores sociais, de organizacións da sociedade civil e das entidades locais, que combaten o declive socio-económico desde hai tempo, esixen para poder desenvolvelo unha cobertura de dereitos en condicións de igualdade”, engadiu.

Por último, a subdelegada advertiu que reverter décadas de concentración urbana e de abandono rural é un proceso longo e complexo que require impactos de transformación urxente e iniciativas que calen no tempo. “Por iso é a hora de sumar entre todos, de traballar máis e máis rápido, para aproveitar os recursos dos que dispoñemos”, apuntou.

O plan Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente comprende tres liñas principais de actuación que consisten na creación dun Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social, un proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria  dirixida ás persoas maiores e a promoción de vivenda de alugueiro para fixar poboación.

Proxecto rural

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.071977853775024