Presentáronse en Galicia no primeiro trimestre un total de 19 denuncias ao día por violencia machista

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Pedíronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 448 ordes de protección, das que se concederon o 63,8 %
violencia-xenero
Símbolo da loita contra a violencia de xénero
23 Xuño 2024

Os xulgados galegos recibiron entre xaneiro e marzo 19 denuncias ao día por violencia de xénero. En concreto, presentáronse 1.724, fronte ás 1.747 do mesmo período de 2023, o que supón un descenso dun 1,3 %. A gran maioría (1.347) foron presentadas pola vítima, unha cifra que segue sendo moi superior á das denuncias interpostas por terceiras persoas: os familiares formalizaron 13; mentres que 79 recibíronse por partes de lesións recibidos directamente; 29, por servizos de asistencia e terceiros; e 256, por intervención directa da policía.

No período estudado tamén diminuíu lixeiramente o número de mulleres vítimas, pois se rexistraron 1.708, fronte ás 1.732 do primeiro trimestre de 2023, o que supuxo unha diminución do 1,4 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia se situou en 12,2, a terceira máis baixa do Estado -cuxa media foi de 17,5-, por detrás da Rioxa -10,6- e Castela e León -12-. En total, no primeiro trimestre do ano rexistráronse 13 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, fronte aos 23 das mesmas datas de 2023.

Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no primeiro trimestre do ano en procesos de violencia de xénero 584 sentenzas, das cales 488, é dicir, o 83,5 %, foron condenatorias. Entre xaneiro e marzo os xulgados de menores axuizaron a tres persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenderon un 4,9 % os casos de vítimas que se acolleron a dispensa para non declarar. No primeiro trimestre optaron por esta opción 98 mulleres, fronte ás 103 que o fixeron o ano anterior.

Ademais, no primeiro trimestre solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 448 ordes e medidas de protección da vítima, un 9,5 % menos que no mesmo período de 2023, cando se demandaron 495. Delas foron acordadas 286 (o 63,8 %). Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 99 ordes de protección, das que se acordaron 69. En 239 dos 448 casos a relación de parella (cónxuxe ou relación afectiva) mantíñase no momento de solicitude da orde de protección ao xulgado de violencia sobre a muller ou ao xulgado de garda.

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer aos fillos das vítimas, que reflicten as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, reflicten que entre xaneiro e marzo os órganos xudiciais galegos adoptaron 54 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, mentres que no mesmo período de 2023 se adoptaron 50. Os órganos xudiciais galegos ditaron no primeiro trimestre un total de 184 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal.

0.17145109176636