Preséntase a Ruta 4x4 da Comarca de Sarria, que terá lugar esta fin de semana

A Xunta confirmou a renovación da súa colaboración coa Ruta 4x4 da Comarca de Sarria, un evento que chega á súa décimo terceira edición e que se celebrará esta fin de semana, entre o venres 21 e o domingo 23 de novembro.
A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participou este xoves na presentación oficial da cita, organizada pola asociación Os Carro x Catro en colaboración co Concello de Sarria.
Segundo explicou a organización, a cifra de participantes rolda xa os 480 inscritos, repartidos entre vehículos todoterreo, quads, buggies e motos. O encontro manterá o seu formato habitual, cun percorrido turístico que permitirá aos asistentes atravesar diversos puntos de interese dos municipios de Sarria, Samos, O Incio e A Pobra do Brollón, combinando natureza, deporte e turismo de aventura.
A programación inclúe tamén unha xornada de habilidade que se celebrará o domingo no polígono do Morelle, onde se agarda unha notable afluencia de público. Durante o acto de presentación, a representante autonómica felicitou á asociación promotora pola continuidade e consolidación da ruta, destacando o seu “crecemento constante e o éxito que acada edición tras edición”.