Presentouse o Rally San Froilán, que decidirá o Campionato Galego de Asfalto e contará con preto de 150 vehículos

A 47ª edición do Rally San Froilán foi presentada nun acto no que se destacou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, principal patrocinadora institucional da proba, e da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte. O rally, organizado pola Escudería Miño, celebrarase o vindeiro sábado 18 de outubro e converterá novamente a provincia de Lugo no epicentro do automobilismo galego.
A proba contará con preto de 150 vehículos inscritos, entre eles 142 pilotos que se disputarán o título do Campionato Galego de Asfalto. Os principais favoritos son Víctor Senra e Alberto Meira, nunha edición que, segundo a organización, reúne “a mellor lista de inscritos do campionato”, con tres vehículos da categoría World Rally Car e sete da R5.
O percorrido inclúe catro treitos que se disputarán a dobre pasada, nos concellos de Outeiro de Rei, O Corgo, Samos e entre O Páramo e Goián (Sarria), sumando máis de 93 quilómetros cronometrados. A gran novidade desta edición é o treito de Samos, que se incorpora por primeira vez ao itinerario.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou o impacto deportivo e social do evento, “que converte Lugo no punto de referencia de todos os afeccionados e afeccionadas ao automobilismo galego” e reafirmou o compromiso da institución provincial con esta proba. Enmarcou este apoio dentro das accións que impulsa a Vicepresidencia para fortalecer o automobilismo lucense, como a liña anual de axudas específicas para pilotos e a organización do Volante Deputación, en colaboración con PTC Escuela e o Concello da Pastoriza, que permite a participación gratuíta de pilotos noveis.
Entre os asistentes á presentación estivo Sergio Lozano, gañador da última edición do Volante Deputación, que competirá este ano cun Dacia Sandero no equipo PTC Escuela. Tamén participaron representantes dos concellos de Lugo, Outeiro de Rei, O Corgo, O Páramo, Láncara e Samos, así como da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que o Goberno galego colabora co rally a través dun convenio coa Escudería Miño, e destacou a implicación do CIFP As Mercedes, cuxo alumnado do ciclo superior dual de Automoción, especializado en vehículos de competición, participará nas asistencias técnicas dos coches. Arias puxo en valor tamén a participación de alumnas neste equipo, “que visibilizan o talento feminino nun sector tradicionalmente masculinizado”. Ademais, o centro instalará no parque pechado, situado na Horta do Seminario, o simulador de Fórmula 1 deseñado e construído polo propio alumnado.
O Rally San Froilán comezará o venres 17 de outubro ás 19:30 horas coa cerimonia de saída na Praza da Horta do Seminario, mentres que a disputa dos treitos se concentrará ao longo do sábado. Coa súa longa traxectoria e o respaldo institucional, esta proba consolídase un ano máis como unha das citas máis importantes do automobilismo galego e como un referente deportivo e económico para a provincia de Lugo.