Pretemporada

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
12 Sep 2022

Noelia Castro Yáñez

Non acostuma a gustarme a xente que fala dalgo sen saber apenas nada sobre ese tema e xusto iso é o que vou a facer eu este mes. Pero a Javier Aznar, xornalista e escritor, permíteselle escribir cada quincena sobre fútbol e coido que esa columna é arte cada mediados de mes. Porque non só hai dúas formas de facer as cousas e moito menos, no que a literatura se refire. Dos poucos sitios nos que a meirande parte das veces prima a forma sobre o contido.

Coido que o fútbol ten un efecto balsámico, hai quen di que tan só se trata de once persoas dando patadas a un balón, pero tamén hai quen sostén que nunca chegamos á Lúa, ou mesmo que a Terra é plana. Namentras que o mundo xira, a imbecilidade permanece.

Acostumo a atopar analoxías entre a figura do adestrador e a dunha profesora de clases particulares. Neles a mesura é a base do éxito, figura intermedia entre o respecto máis absoluto e o apoio incondicional. O duros que sexamos nos adestramentos ou na Academia, será o que determine os bos resultados nun partido ou nun exame, se é que non se trata do mesmo. Ambas figuras deben exprimir ao máximo aos seus pupilos, seren coñecedores das súas debilidades e puntos fracos, pero tamén das súas virtudes. Hai que saber a quen tes. E padecer, con eles e por eles. Porque todos xogamos a sermos o director deportivo do noso equipo, porque temos no campo e máis na clase o material co que se forxan as lendas. Pero a nosa visión é un tanto subxectiva, a veces pensamos que temos ouro e non chegamos nin a ter unha aleación.

Non vou a tratar aquí tampouco a miña relación co equipo, cimentada a partires dunha base que trascende aos resultados. Supoño que o fútbol de primeira rexional ten máis de xogadores a quen acompañar ca de equipos dos que ser seareira. Supoño que coma meu tío N. de corazón tinguido de branco, se teño un neto que remata por xogar cos blaugranas, pois claro que irei cada sábado velo, malia que no máis profundo do meu ser pense que el é o bo pero os brancos nunca van a ser os malos. Di Aznar na súa brillante columna ¨Nostalgia en las gradas”, que cambiar de asento no estadio equivale a cambiar de colexio en plena adolescencia. Imaxinade cambiar de estadio. Malia que imaxino que o fútbol, como reza o himno do Liverpool consiste en nunca estar sós.

Un equipo en pretemporada debera ser todo o que ti queiras que sexa. Un branco doado no que proxectar todos os soños como afecionado que a duras penas podes anhelar fóra do terreo de xogo, onde se atopa o fútbol de verdade, o das enfermidades, dos despidos e das prohibicións. Imaxino que diso van as pretemporadas, de sobrerreaccionar, de sacar conclusións precipitadas, de xulgar unha fichaxe polos tres primeiros toques que da sobre o campo aínda coa herba cheirando a verde, de ter opinións moi fortes sobre as novas camisolas negras, que deberían ser a primeira equipación. De sentir os nervios da competición e de ver un futuro negro polos resultados de tres amistosos. Non é máis ca iso o que fago. Pensar na temporada de All or nothing sobre a Juventus de Turin, un documental sobre o fracaso dunha temporada en branco dun clube acostumado a facer as cousas ben. Supoño que da frustración que nace ao querer sempre máis, xorde o fútbol que só funciona na pizarra. Agradécese calquera material audiovisual que amose que ás veces, as cousas non saen ben malia que sexan sacadas dun libro. Porque na realidade non sempre temos as hipóteses das que partimos nos manuais. Escoito a miúdo comentaristas preocupados polo exceso de fogosidade dun Tchuameni que remata de aterrizar, iso, iso é xustamente o que nunca lles acontecerá aos meus verdes, onde a ansia debe estar no terceiro tempo.

O último domingo de amistoso, miraba ao campo coma se se tratase dun cadro de arte abstracta que non logro entender. Por momentos sentía que estaba ante unha peza única que trataba de descifrar que me quería contar ou onde residía o seu éxito. Que debía estar na derrota monumental que anunciou o marcador aos noventa minutos.

A seguridade é un deses privilexios adquiridos aos que axiña nos acostumamos. Por iso coido que se infravalora unha e outra vez a importancia capital dos centrais no fútbol moderno. Gústanme os xogadores coma M. ou coma Pedri que xogan con esa insolencia e naturalidade do que non ten maior aspiración na vida ca divertirse facéndoo ben. Gústanme os que son da vella escola, que alzan a voz, que deixan que o seu traballo fala por eles cando na grada ameazan con retiralos. Que non nos importe de onde veñen, pero si onde están, pola guerra que dan. Estudamos en Física a altura, velocidade e a distancia dos tiros a porta, pero trasladado ao fútbol afecionado é case unha quimera. Quen saca de banda? Ou como comerse un marrón.

Di Zuazua que hai derrotas que unen máis cas vitorias, porque son as que xeran unha maior carga emocional. Agardo que sexa iso ao que estades xogando esta pretemporada. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15792107582092