Prisciliano no Obradoiro

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Tiveron que pasar máis de dezaseis séculos para que acontecese.
21 Dec 2022

Tiveron que pasar máis de dezaseis séculos para que acontecese. E por fin sucedeu. Prisciliano regresaba a Compostela hai poucos días, chegando ata a mesma praza do Obradoiro, para reclamar o papel que legalmente lle corresponde na Historia de Galicia. Interpretado polo ourensán Paco Boluda, fixo a súa aparición herética atravesando a cidade vella a bordo do vehículo oficial de Amigos de Prisciliano, que o recolleu na Selva Negra, o maior parque forestal da capital galega. Coincidindo co décimo aniversario da fundación de Amigos de Prisciliano, hai varias semanas comezaba a rodaxe de ‘O camiño de Prisciliano’, documental inspirado na obra homónima de Ramón Chao. Un proxecto multimedia promovido por Arraianos Producións, coa colaboración do departamento de Cultura da Deputación da Coruña. Contará coa banda sonora de Manu Chao e coa participación do seu irmán Antoine, xunto con outros amigos, como Ignacio Ramonet, Perfecto Conde Muruais e Victorino Pérez Prieto. Os múltiples escenarios discorren dende Tréveris a París e de Bourdeaux a Fisterra, pasando por Reigada e rematando en Compostela.

A principal finalidade desta aventura cultural é xerar unha reacción harmónica no público, en ocasións coa axuda da improvisación e do sentido da estética. A temática está vencellada ao proceso vital do protagonista, xunto á necesidade de denuncia ou crítica social e sempre cun espírito de transformación. Lembremos que Prisciliano (340-385) foi o primeiro sentenciado a morte acusado de herexía e executado polo goberno secular en Tréveris, en nome da Igrexa católica. Tras a súa desaparición xurdiu o priscilianismo, un movemento que dominou Galicia durante máis de douscentos anos. A forza de Prisciliano reside na dimensión popular do seu discurso, que incorpora a natureza e os seus elementos, e non distingue entre xerarquías ao concederlle aos laicos postos activos na Igrexa. Outro importante aspecto desa dimensión é o arraigo que o seu pensamento adquiriu en círculos femininos; tanto, que no seu día foi acusado de licencioso.

En pleno século XXI, o escepticismo ábrese paso entre a xente, e cada vez hai máis persoas que non asumen como verídica a lenda de que na catedral de Compostela están soterrados os restos do apóstolo Santiago, transportados dende Haifa (Palestina) ata Iria Flavia (Padrón) nunha barca de pedra. Esta historia non ten aquí o mesmo valor mítico que noutros países europeos ou americanos, como Brasil. Na actualidade Santiago identifícase cun “santo turístico”, cunha idea vencellada a unha necesidade política, social e militar dos cristiáns durante a chamada Reconquista. Pola súa banda, o herexe galego é herdeiro dun certo panteísmo céltico e tamén un líder evanxélico distanciado dos poderes terreais. Así o consideran autores como Méndez Ferrín, que se suman a recoñecidos historiadores como o profesor Henry Chadwick, de Oxford, convencidos de que a urna de prata da catedral encerra as reliquias de Prisciliano, e non as do apóstolo. Menéndez Pelayo xa falaba deste personaxe na ‘Historia dos heterodoxos españois’, e o propio Miguel de Unamuno mencionou en moitas ocasións a posibilidade de que a historia de Prisciliano estivese solapada coa lenda de Santiago. Considerado un símbolo da intolerancia política e relixiosa, Prisciliano fundou unha escola ascética, rigorista, de talante libertario, precursora do movemento monacal e oposta á crecente opulencia da xerarquía eclesiástica imperante no século IV. Os aspectos máis polémicos, en cuestións formais, eran o nomeamento de «mestres» ou «doutores» laicos, a presenza de mulleres nas reunións de lectura e o seu marcado carácter ascético.

En sintonía coa reivindicación da súa figura, Amigos de Prisciliano instalaba hai dez anos en Compostela unha escultura itinerante, concibida en terracota por obra e graza do artista mallorquino Eduardo Servera. Durante seis meses estivo exposta ao público na academia de arte dirixida por Xurxo Martiño e Luz Varela. Posteriormente -en agosto de 2015- instalouse de maneira definitiva na sede social de Compostela, situada no barrio de San Lázaro e xestionada por María Mata Pereiro e familia.

O primeiro presidente de honra dos Amigos de Prisciliano foi Jean-Claude Carrière, finado en febreiro de 2021 en París, quen interpretara o papel do herexe na película A Vía Láctea, de Luís Buñuel. No seu lugar foi nomeado o xornalista Ignacio Ramonet. Da presidencia fíxose cargo quen escribe esta crónica, en substitución de Ramón Chao e por desexo do fundador. O vicepresidente actual é Antoine Chao e a secretaría xeral recaeu na catedrática Yolanda Novo Villaverde, especializada na obra de Alejo Carpentier e ponte cultural con Cuba. As delegacións organizáronse por provincias e comarcas. Na Coruña, Alicia Castro Barreda; en Lugo, Gabriel Núñez Chao; en Ourense, Xosé Manuel Saburido Forneiro; en Pontevedra, Afonso Ribas Fraga; na comarca da Terra Chá, Pilar Maseda Barrio; na Ribeira Sacra, Iria Fernández Crespo; e no Bierzo, Jesús Arias Jato, propietario do albergue Ave Fénix. Da coordinación de vogalías encargarase Fermín Galindo Arranz, e da acción propagandística, Xosé Manuel Ledo Casebio. Por outra banda, nomeáronse uns embaixadores para difundir a actividade priscilianista polo mundo adiante. Así, o representante diplomático en Francia é Jaime Chao; no Xapón, Tadashi Yamamoto; en Estados Unidos, Kirmen Uribe; en Catalunya, Marta Pérez; en Euskadi, Luís Sala e en Madrid, Miguel Barrera. Como tarefa aprazada debido á pandemia, quedou pendente o nomeamento dun alto comisionado en Roma, tendo como primeiro obxectivo organizar un acto masivo nas catacumbas de San Calisto. Seguiremos informando.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18009185791016