O albergue de Samos contará cunha Escape Room sobre o Camiño Francés
As vindeiras semanas o albergue público de Samos converterase en escenario dun Escape Room sobre o Camiño Francés, no que participarán máis de 500 persoas co único requisito de ter máis de seis anos de idade.
A iniciativa desenvolverase durante as fins de semana, de venres a domingo, entre os días 6 e 22 de maio, ademais do mércores 11 e o xoves 12. Están comprometidas preto de 80 sesións, dunha hora de duración cada unha, se ben dado o éxito que está a ter a convocatoria estúdase a posibilidade de amplialas.
Trátase dun xogo de escapismo con diferentes probas para completar unha misión baseada no Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22. Esta é a segunda fase dun proxecto que antes se desenvolveu, cun formato máis reducido, en Betanzos (sobre o Camiño Inglés), Vigo (Camiño Portugués da Costa) e Ourense (Vía da Prata). Todos eles seguiron un guión similar, adaptado en cada caso á ruta do lugar e ás características do albergue, que consistía en resolver unha misión deixando unha pista ou proba para este Escape Room final de Samos.
Os participantes organízanse en grupos de entre 6 e 8 persoas, guiados por un director de xogos e dous monitores; as probas electrónicas para resolver as pistas son elaboradas, complexas e detalladas. As solicitudes de inscrición deben presentarse no enderezo de correo electrónico inscripciónreservaslucusescaperoom@gmail.com.
A Casa Forte de Lusío é un exemplo da arquitectura tradicional galega, construída no século XVIII e rehabilitada pola Xunta de Galicia para destinala a albergue de peregrinos. Ofrece para este xogo diferentes espazos con instalacións, decoración e ambientación de máxima calidade.