Protagonistas do podcast do Páramo: “Aprendemos, pasámolo moi ben e estamos todos xuntos”
Por Jessica Fernández
Flavia, Ana, Dani, Isaac e Uxía son os nomes dos cinco alumnos e alumnas que desenvolveron este curso o podcast ‘Voces do Páramo. A casa dos contos’ do Ceip Plurilingüe do Páramo. Cada un dos compoñentes deste grupo ten oito anos e moitas ganas de seguir gravando capítulos, aínda que por este ano rematan co cuarto, que xa subiron á súa canle de Spotify e que se chama ‘O coelliño branco”, que vai sobre un coello que vai a unha horta e aparece unha cabra que se mete na casa do coello, e aparecen diferentes personaxes asustadas pola cabra, ata que chega unha formiga que vence á cabra.
Flavia, a máis lingoreteira, di que o podcast serve para as persoas que non poden ler, poidan escoitar diferentes contos, xa que estes pequenos e pequenas dedícanse a ler contos infantís e en galego, interpretando coas súas voces as distintas personaxes que aparecen nas historias e así que o proxecto sirva como podcast e audiolibro á vez.
Da man do seu titor de 3º de Primaria, Toni, quen lles proporciona todo o material que necesitan -un micrófono, un ordenador e unha gravadora de audio-, o alumnado desenvolve todo o proceso de preproducción, gravación e edición de vídeo por si mesmos, sempre orientados e guiados por Toni, pero cunha aposta clara pola aprendizaxe significativa e a posta no centro do alumno para que sexa o protagonista do seu propio proceso de coñecemento.
Así, Flavia, Ana, Dani, Isaac e Uxía elixen cada mes un libro infantil que lles interesa e despois divídense os papeis, para que cada un faga o seu, e logo, en dúas clases do venres, nas que Toni ten só aos de 3º -xa que, noutros momentos hai desdobramento de aulas e xúntanse na mesma alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria-, e aí é cando aproveitan a intimidade da aula para gravar o podcast, no que se van dicindo as frases por orde e dándose paso uns aos outros.
Esta actividade, que se comezou a facer a partir de marzo, foi impulsada polo profesor Toni, quen xa tiña en mente levar a cabo un proxecto interdisciplinar, xa que ademais de beneficiar a comprensión lectora do alumnado, así como a capacidade para falar en público e a mellora na dicción; tamén serve para aprender matemáticas, xa que analizan o número de visitas que obteñen en cada podcast subido; así como aprenden Ciencias Sociais, xa que investigan de onde son esas visitas e descobren lugares como Río de Xaneiro, tal como explica Toni.
“É unha actividade que nos gusta moito porque estamos xuntos e pasámolo ben”, sostén Ana, outra das pequenas implicada no proxecto e que mostra, a pesar da súa timidez, unha ilusión e paixón polo proxecto. Esta timidez tamén é compartida por Dani e Uxía, que responden as preguntas a duras penas, mentres que a Flavia e a Isaac se lles escoita ben; porén, durante a interpretación dos roles cada un asume o seu por completo e marcha a timidez para dar paso á perfecta representación da historia.
PROXECTOS FUTUROS
Coa chegada do fin do curso, os nenos marchan a casa de vacacións, polo que ‘O coelliño branco’ é o último capítulo de ‘Voces do Páramo. A casa dos contos’ deste ano, pero non dos vindeiros, xa que tanto o alumnado como o profesor teñen moitas ganas de seguir levando a cabo esta actividade.
“Temos moitos proxectos por sacar adiante con respecto ao podcast, xa que non só queremos ler contos, tamén queremos facer outras actividades nas que o alumnado poida deseñar os seus propios guións”, sostén Toni, quen, ademais, quere implicar a todo o alumnado nesta iniciativa, non só aos de 3º, que serán os que axuden aos demais a entender o funcionamento do podcast e todo o que conleva. “Estamos preparados para ser futuros profesores doutros alumnos aos que lles queremos ensinar o que facemos, porque é moi guai”, sosteñen os cinco.
Por outra banda, como proxectos de futuro, o profesor do colexio do Páramo, no que actualmente hai 45 alumnos e alumnas, quere promover tamén a creación dunha rockband de música na que o alumnado poida compoñer os seus propios temas, xa que el é músico e amante da música e cre que sería unha “moi boa iniciativa” para levar esa paixón ao alumnado, facendo que, de novo, aprendan por si mesmos e sexan artífices da súa aprendizaxe, “xa que todo coñecemento debe partir do alumno, e canto máis pequenos, mellor”.
Este profesor innovador, Toni, é de Albacete, pero leva 11 anos en Galicia e 3 no colexio do Páramo, impartindo as súas clases en galego e promovendo actividades innovadoras para o alumnado dun colexio na zona rural que teñan o galego como base e centro e así promover a supervivencia do idioma mentres que os nenos aprenden nocións básicas e cultura, competencias clave da aprendizaxe do alumnado na Educación Primaria.