Publicadas as bases para o Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez
O Concello de Paradela xa aprobou as bases da XXVII Edición do Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, que ten como obxectivo potenciar a creación literaria. Coma o ano pasado, haberá tres modalidades: narrativa, poesía e Camiño de Santiago.
O prazo de entrega das obras iníciase o día un de outubro de 2021 e rematará o trinta de novembro de 2021. As obras poderanse entregar de dúas maneiras diferentes: mediante correo electrónico á conta oix.paradela@eidolocal.es -onde se mandarán dous arquivos en formato PDF- ou por correo onde se enviará un único exemplar, sen sinatura e ao enderezo do Concello de Paradela.
Na modalidade de narrativa, os relatos terán unha extensión máxima de vinte folios -sen mínimo- e deberán ser entregadas a ordenador ou mecanografadas e a dobre espazo. En canto a poesía, terán unha extensión máxima de 100 versos. En ambas categorías, deberán ser orixinais, inéditos, non premiados en calquera outro tipo de concurso e estar escritos en galego ou en castelán, debendo estar rematadas con carácter previo á convocatoria.
Finalmente, a modalidade Especial Camiño de Santiago, contará cos mesmos requisitos sinalados nos parágrafos anteriores. O paso do Camiño Francés por
Paradela e a celebración no Ano 2022 do Ano Xacobeo, continúa nesta Edición a modalidade relativa ao Camiño de Santiago, en especial referida ao Camiño Francés ao seu paso por Paradela. Nesta modalidade concorrerán de xeito conxunto tanto as obras de narrativa coma as de poesía.
En canto aos premios, a modalidade de narrativa e de poesía terán cada unha un primeiro premio de mil euros e un segundo de cincocentos euros. En canto á modalidade especial Camiño de Santiago tan só contará cun primeiro premio de mil euros.
Así mesmo, o xurado reservase a facultade de conceder dous accésits de douscentos cincuenta euros en cada categoría, asemade poderá conceder ata dúas mencións de honra como máximo, de douscentos cincuenta euros en cada categoría. O autor ou autores premiados convocaranse ao acto de entrega de premios, o día que estableza o xurado.
O xurado designado polo Concello de Paradela emitirá o seu fallo no mes de maio de 2022 e farase público nas páxinas web do concello www.paradela.es e www.concelloparadela.es; comunicándose persoalmente aos gañadores. Así mesmo, para máis información ou para calquera dúbida pódese consultar a sede electrónica do Concello de Paradela.