Que lle piden as asociacións sarriás aos candidatos á Alcaldía de Sarria?
A axuda económica é a necesidade común de todas as asociacións, que piden máis orzamento para os seus sectores
As asociacións e agrupacións de Sarria analizan as necesidades e retos que terán que afrontar este novo ano, que vai estar marcado polas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio nas que se enfrontarán os candidatos dos diferentes partidos políticos sarriaos para lograr a alcaldía.
Desta maneira, as persoas que conforman a vida social do muncipio sarriao, reflexionan nesta reportaxe sobre o que lles piden aos que serán os representantes do pobo en canto á mellora da súa situación como grupo e tamén para a poboación xeral.
Economía
Pola parte que representa aos comerciantes sarriaos, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria explican que o que lle piden aos candidatos ás eleccións de Sarria e, como consecuencia, ao vindeiro alcalde do municipio é máis orzamento e apoio económico.
"De cara a facer campañas comerciais e actividades con comercios da asociación, viríanos ben o apoio económico do Concello", defenden.
Ademais, comentan, que iso é bo para o funcionamento de ACES, pero tamén para "promover o comercio local" a través de promoción das actividades que se organizan".
Tamén lles gustaría que o Concello de Sarria estivera máis disposto a colaborar con eles en todas as actividades e campañas que organizan.
E, referíndose ao Esmorga Fest, din que a xente da vila acudía ao centro de Sarria e deixaba diñeiro en establecementos asociados a ACES, polo que a súa retirada do panel de actividades culturais tamén lles afecta indirectamente.
Cultura
Desde a Asociación Cultural Meigas e Trasgos de Sarria, pídenlle aos candidatos ás eleccións municipais de Sarria e ao futuro alcalde do municipio que apoien máis ás asociacións sen ánimo de lucro, tanto social como economicamente.
"Necesitamos que nos axuden da mesma maneira que a todas as asociacións e que colaboren con nós".
Relatan que o ano pasado celebraron o 50 aniversario da asociación o último sábado de agosto, que coincide coa Noite Meiga, que organizan cada ano.
Aínda que os 50 anos cumpríronos en 2020, pero ao coincidir coa pandemia, tiveron que atrasalo. E denuncian que non tiveron o apoio que esperaban nun momento tan importante.
Ademais, critican que, ás veces, hai "amiguismos políticos" que fan que vaia máis diñeiro para algunhas asociacións en detrimento do que lles chega a eles.
Por iso, piden "máis obxectividade á hora de repartir os cartos ás asociacións", xa que "deberían valorar as actividades propostas en vez de deixarse levar por amizades".
Ademais, din que "unha sociedade como Meigas e Trasgos non se pode manter só coa cota dos socios, que é de 30 euros ao ano".
Así, aproveitan para explicar que "necesitamos subvencións e colaboración económica" porque "damos clases de gaita, pandeireta e baile aos veciños de Sarria a o diñeiro non chega para todo".
No caso da Asociación Cultura da Rúa da Música, os compoñentes desta agrupación tamén demandan máis investimento para as asociacións de tipo cultural.
"Necesitamos que a xente que chegue ao goberno do Concello nos apoie e nos dea respaldo económico en eventos que trascendan das actividades que organizamos día a día", explican.
Din que, ao ser unha asociación sen ánimo de lucro, durante o ano funcionan "ben", xa que organizan actividades para a xente e grazas ás cotas dos socios, poden ofrecer este servizo de maneira gratuíta, pero arriscan diñeiro. "Facemos un servizo público", defenden.
Así, din que para os eventos máis grandes, como a organización do festival Garitosis: "Necesitamos financiación porque nós, ás veces, non chegamos. Dependemos das persoas que veñan ao festival, que non coincida con outro máis grande... Son cousas cambiantes das que dependemos e debemos ter respaldo económico".
Por outra banda, din que en Sarria "temos a sorte de que a axenda cultural fana as asociacións e a xente a pé de rúa", polo que esixen que as actividades que se propoñen, "deberían estar incluídas na axenda cultural do Concello" e piden que "nos apoien nas nosas iniciativas e confíen en nós como club aberto a todo o mundo".
Para rematar, pediron tamén que haxa unha transparencia nos orzamentos e que se apoien a todas as asociacións por igual, para así ter unha boa relación entre todas e formar así unha rede de asociacións forte que permita organizar mellor a vida cultural de Sarria.
Desde a Asociación Rebuldeira Teatro requiren ao Concello de Sarria, que lles cede a Casa da Cultura para impartir as clases e representar as súas obras escénicas, que mellore a iluminación, xa que só hai dúas bombillas que non permiten a boa visibilidade dos artistas.
Por outra banda, gustaríalles que cambiasen a cor do chan, xa que é vermello e iso dificulta a concentración dos representantes das obras e das persoas que asisten como espectadores. "O chan vermello non vale para teatro, debería ser un ton neutro, como o negro", explican.
Tamén cren que sería axeitado contratar un servizo de limpeza, xa que "cando contratamos grupos para que veñan actuar, temos que estar nós pendentes de que iso estea limpo e traer o material necesario".
Din que tampouco hai un espazo habilitado para vestiarios e camerinos e "é necesario cando veñen os grupos" e un habitáculo para gardar o material: "Temos un montón de material e non temos onde gardalo", denuncian, algo que "xa estamos intentando tramitar".
Se fose posible, gustaríalles que o Concello construíse un auditorio porque "vas a outros concellos máis pequenos e o teñen e nós non".
Por último, demandan que volvan a impartirse clases de teatro cun profesor, unha actividade que se facía desde o 2010 ata que se suspendeu pola covid-19, "mais xa na nova normalidade ten sentido que volva a impartirse", defenden.
Deporte
En Sarria hai moitos equipos deportivos que tamén forman parte da vida social e cultural do municipio.
Entre eles, o Club de Baloncesto de Sarria e a Sociedad Deportiva Sarriana son os clubes máis presentes na vida do municipio, xa que o baloncesto e o fútbol son os deportes máis valorados na nosa sociedade.
Porén, nós achegámonos a outros clubes de deporte que non teñen tanta presencia, pero que son igual de importantes.
Desde o club Deperpol que imparte clases de defensa persoal e karate explican que os deportes base non están apoiados polas administracións públicas e por iso hai tempo que decidiron non pedir subvencións, a pesar de que son necesarias.
"É todo política, só levan subvencións os deportes que están en competicións, os de base quedámonos fóra", critican.
Ademais, din que desde os partidos políticos "véndese a moto" de que queren apoiar ao deporte base, "que é o inicio para ensinar ao alumnado que quere aprender", pero "non nos apoian, non teñen sentido as políticas deportivas", denuncian.
Así, din que os pavillóns só están preparados para deportes como o fútbol e o baloncesto, polo que eles sobreviven a base das cotas dos socios, que permiten a supervivencia do club Deperpol.
Así, piden que "se están vendendo que apoian ao deporte base, que sexa de todos os deportes".
Pola súa parte, dende o club Pádel Sarria, demandan un incremento nas axudas para os clubs deportivos porque coas cotas de socios, "ás veces non chega".
Este diñeiro, din, valería para axudar no pago das fichas federativas dos xogadores, así como para cubrir algúns dos gastos xerados polas competicións ás que se enfrontan con outros equipos noutros lugares.
"Viríanos ben axuda económica para sufragar gastos como os das viaxas e tamén con respecto ao material deportivo", declaran.
Sanidade e educación
Desde o Servizo de Atención Temperá de Sarria -que engloba os concellos de Sarria, Láncara, O Páramo, Paradela, Triacastela, O Incio e Samos- defenden que a colaboración dos axentes políticos "é fundamental tanto para o correcto funcionamento do servizo".
Tamén explican que á hora da planificación e viabilidade de novas propostas ou melloras no servizo tamén depende da colaboración política.
Por isto, solicitan continuar nesa liña cooperativa, aínda que piden mellorar o servizo a través da colaboración e da coordinación entre todos os axentes involucrados en atención temperá.
Ademais, actualmente, as instalacións nas que se desenvolve a actividade do Servizo de Atención Temperá sitúanse nun edificio paralelo e independente ao CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción, algo que non é o mellor para o desenvolvemento do servizo, como afirman.
Por isto, reclaman: "Gustaríanos que se habilitase un espazo municipal único e exclusivo para a actividade que se desenvolve no SAT para que as nenas e nenos e as familias dispuxesen dun lugar único e exlusivo, un espazo de referencia", declaran.