Que opinan os sarriaos e as sarriás do pacto entre PP e Camiña Sarria?

O Acordo para o Desenvolvemento Estratéxico de Sarria (ADES), asinado entre o PP e Camiña Sarria e vixente ata maio de 2027, contempla unha quincena de actuacións que abarcan desde a mellora do Estadio Municipal da Ribela ou a reforma do CEIP Frei Luis de Granada, ata a urbanización de travesías da estrada LU-546, a humanización da Praza da Vila, o apoio a proxectos de residencias de maiores, a rehabilitación e musealización da Casa do Marqués, investimentos en augas cun novo depósito e captación, a desafectación das vivendas anexas ao CEIP Frei Luis de Granada, e o desenvolvemento de solo industrial na segunda fase do Polígono do Morelle.
Para R.A., veciña de Sarria, o acordo representa principalmente un beneficio práctico para a comunidade: “Creo que me da igual quen propoña, quen faga e quen se xunte se o beneficio é para o pobo de Sarria. Se traen cartos para arranxar as carreteras, que tiren as casas dos mestres e fagan un parque cuberto, sería perfecto. Todo o que necesita Sarria, e se o PP está a loitar porque ten a Xunta ao seu favor, entón véxoo ben. Se non queren dar pulo ao BNG e castigar ao PSOE, Carmen faino moi ben e trae cousas para Sarria. A xente non é tonta e véxoo que o propón unha persoa que quere o ben do concello”.
J., outro veciño, comparte unha perspectiva pragmática e centrada nos beneficios: “A min paréceme ben todo o que sexa ben para o pobo e que traian recursos para Sarria. Todo o que mellore, estupendo. Non sei ata que punto ofrece a alcaldía, el retírase porque busca completar proxectos que puxo sobre a mesa. A política en cuestión de 2-3 días cambia moito, falta tempo, pero todo pode pasar”.
M.V., pola súa banda, expresa o desexo de consenso e cohesión social: “O que me gustaría é que houbera consenso e que o pobo tirara cara adiante, porque todos somos veciños, familia ou amigos. É complicado posicionarse por alguén, pero gustaríame que todos se levase ben. Ao final deberían levarse ben, pero non é posible pola diversidade de opinións políticas. Moita xente quere iso: que se xunten, porque estando así non se pode facer nada se todos están contra todos”.
R.Q. reflexiona sobre a xestión de Camiña Sarria e os intereses políticos: “Camiña Sarria tíñano bloqueado por todos lados, pola Deputación e pola Xunta. Non vai por intereses de partido, senón polos cidadáns. Paréceme ben desde o seu punto de vista. Por parte do PP compran un partido para que non se poidan presentar e gañen eles as eleccións… paréceme como comprar unhas eleccións. O PSOE se cambiase de candidato podería sumar votos. O BNG perdeu unha oportunidade histórica de facer cousas moi boas polo pobo, tendo a Deputación, e non fixeron nada. Para Sarria foi moi malo, e non creo que lles vaia aportar electoralmente votos, pero non entendimos a súa postura”.
M.F., en cambio, mostra certa sorpresa e cautela ante a combinación de partidos: “Claudio é un home interesante que xestionou Sarria gañando as eleccións fronte a partidos grandes como PP, PSOE e BNG. A min o pacto estráñame. Non sei se hai xente próxima ao PP, deberían ser máis próximos ao PSOE. O problema da política son os malos rollos, as escisións. Se o PP cumpre, os acordos deben cumprirse. Son propostas. Se se cumpren, pode gustarme máis ou menos o partido, pero benvidas sexan para Sarria. Como acostuma a pasar, se non se firman, non se cumpren. Se Claudio marcha, a ver quen lle pide explicacións se logo o PP consegue a alcaldía. Parece un bo pacto para o PP, porque fai algo e lles axuda a gañar as eleccións”.
OPINIÓNS MÁIS CRÍTICAS
Outra veciña, N.G., amosa escepticismo ante a magnitude e a prioridade de certos investimentos: “Xenial que os parques sexan inclusivos e cubertos, pero as reformas integrais desconfío cando son de tanto importe e non sei se se farán, como o dos mestres, que igual vai para 15 anos. A Praza da Vila necesitaría unha remodelación completa, pero non é tan prioritaria. O pacto en xeral é un movemento do PP moi bo para conseguir a alcaldía porque o PSOE está en horas baixas, pero non vai conseguir atraer o voto de Camiña Sarria. O BNG tamén debería cambiar de candidato porque o actual é vicepresidente dunha Deputación. É unha trapallada todo, parece un xogo de tronos de medio pelo. Coa Xunta, se podían dar cousas, pero non o fixeron. Carmen fixo unha oposición forte, pero non conseguiu nada ata agora. Os puntos son moi xerais, de moitisimo importe. Ata agora non se podía conseguir unha partida ou subvención por iniciativa propia. Tome e Efrén non estiveron áxiles, e agora pasa o que pasa. É unha xogada maestra do PP, pero non é legal. É sucia. Os recursos da Xunta xestionados polo PP non deixan de ser impostos nosos. O PP non fixo nada por iniciativa propia, igual que o BNG. Mellor un parque cuberto na Praza da Vila e conservar os demais parques. As melloras integrais non son necesarias. Estes acordos son pouco claros, non aportan realmente moito e crean desconfianza”.
L.R. tamén aporta unha visión crítica e reflexiva: “Todo o que sexa bo para o futuro de Sarria me parece ben, sexa acordado polos partidos que sexa. Pero chega tarde. Por que non se fixo antes? É unha pataleta de Camiña Sarria? Faino porque con PSOE e BNG hai mal rollo? Se as 15 propostas non se levan a cabo antes do 2027, que partido político as realizará e se ‘colgará’ as medallas? Agardemos que se cumpran. Non entendo que isto chegue de repente, e que Camiña Sarria decida non presentarse en 2027, sendo un partido que fixo moitas cousas por Sarria. Creo que deberían presentarse con Claudio ou outro membro válido do partido. O PSOE debería cambiar de candidato. O BNG sempre intenta pasar de dous concelleiros, pero non o consegue. O PP sempre é unha caixa de sorpresas, repetirá Carmen José como cabeza de lista, pero os seguintes deberían cambiarse”.
CONCLUSIÓNS
A diversidade de opinións reflicte a complexidade dunha veciñanza atenta aos intereses do seu concello e consciente das dinámicas políticas locais. Hai entusiasmo polos beneficios que podería traer o pacto, especialmente en proxectos concretos que melloren a vida diaria, pero tamén abundan o escepticismo e a preocupación pola transparencia, a prioridade real das actuacións e as motivacións partidistas.
En conxunto, a conclusión preponderante é que a veciñanza valora positivamente o acordo se e só se se traduce en accións reais, que melloren efectivamente Sarria, aínda que con reservas sobre a forma na que se executará e a posible instrumentalización política detrás do pacto. O consenso entre os veciños parece centrarse na esperanza de resultados tangibles, máis alá das disputas partidistas.