Queixas pola tala de árbores na rúa Castelao de Sarria
Veciños de Sarria quéixanse dunha tala masiva de árbores que se vén de levar a cabo na rúa Castelao da localidade.
A través das redes sociais, son moitas as persoas que están a amosar o seu descontento por unha actuación que consideran "indiscriminada" e mesmo un "atentado ecolóxico".
Se ben, a tala destas árbores na contorna da rúa Castelao está a ter tamén os seus defensores que alegan, neste caso, que as árbores eran fráxiles e supoñían un perigo, especialmente por mor da posible caída de ramas en caso de temporais.
Desde o Concello de Sarria explican que a tala foi levada a cabo por un particular nuns terreos privados e cos permisos municipais correspondentes. Aseguran que había risco de caída de ramas e que ademais as follas obstruían o saneamento. Engaden ademais que a intención dos propietarios é plantar outro tipo de árbores na zona.