Queserías Sarrianas recibiu a visita e posta en valor da Xunta

SarriaXa
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou as instalacións da empresa sarriá
28 Dec 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou as instalacións da empresa sarriá Queserías Sarrianas, beneficiaria das axudas para a transformación e a comercialización de produtos agrarios.

Nos últimos dez anos, esta empresa luguesa recibiu preto de 2,3 millóns de euros destas axudas, sendo a última achega concedida de máis de 475.000 euros na convocatoria de 2022.

Precisamente, o director xeral subliñou que a Consellería do Medio Rural vén de resolver a convocatoria de 2022, adxudicando achegas por un importe de 36,72 millóns de euros, o que supón un incremento do 40 % do orzamento anual habitual.

De feito, destacou que houbo 81 solicitudes aprobadas, catro das cales acadaron o límite máximo de tres millóns de euros en axudas por beneficiario.

Ademais, o director xeral indicou que case a metade do orzamento foi asignado a empresas da provincia de Lugo, seguida pola Coruña (33%), Pontevedra (10%) e Ourense (10%).

Por sectores, os máis beneficiados foron o lácteo, con case a metade do orzamento, seguido polo cárnico (25%), a alimentación animal (9%) e outro sectores (mel, aceite, ovos, castañas, froitas, hortalizas, etc.).

En canto á distribución no territorio, a maior parte das axudas (87%) destínanse a proxectos en zonas de montaña ou con baixa densidade de poboación. Así mesmo, a maioría do orzamento destínase a proxectos promovidos por produtores agrarios ou por empresas participadas por estes (57%).

Axudas para mellorar as empresas

Estas achegas teñen carácter plurianual para facilitar a execución de proxectos de gran investimento e cobren actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables.

Tamén serven para sufragar a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.

O fin último destas achegas, indicou o director xeral, é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes. De feito, no vindeiro período 2023-2027 da PAC está previsto o mantemento das axudas ás industrias agroalimentarias, co fin de fortalecer o peso do sector industrial no agro galego.

Deste xeito, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

No caso das subvencións, consisten en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos son garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15224003791809