Ramiro Valcárcel, “Marino”, regresa á SD O Páramo como novo adestrador

SarriaXa
O exxogador asume o mando do equipo desde o banco cun proxecto marcado pola experiencia e o compromiso
Ramiro-Valcárcel-SD-O-Páramo
5 Jan 2026

Ramiro Valcárcel, coñecido no mundo do fútbol como Marino, converteuse no novo adestrador da SD O Páramo, iniciando así unha nova etapa nun club ao que sempre estivo profundamente vencellado. "Hai persoas que nunca deixan de ser do Páramo, e Marino é unha delas, regresando agora á entidade desde o banco pero coa mesma ilusión e sentimento que o acompañaron na súa etapa como xogador", din desde a entidade deportiva.

O novo técnico xa defendeu no pasado as cores do equipo sobre o terreo de xogo e afronta agora este reto cun coñecemento profundo do que significa vestir esta camiseta. A súa traxectoria, unida á experiencia acumulada e ao compromiso co club, convérteno nunha figura clave para liderar este novo ciclo deportivo.

Desde a SD O Páramo destacan que esta aposta combina experiencia, implicación e ADN paramense, elementos cos que se pretende dar estabilidade e identidade ao proxecto. O club inicia esta aventura coa confianza posta no seu novo adestrador, ao que lle desexa sorte nesta etapa, coa seguridade de contar co apoio da afección.

⚙ Configurar cookies
0.091470003128052