Raúl Vázquez, de Proyecto Valley: “Calquera expresión artística auténtica vén de sitios pequenos”

Quen é Raúl Vázquez de la Torre?
Unha persoa nada e criada en Sarria, discreta e tímida, aínda que poida parecer o contrario, pero presente. Alguén con gañas, paixón e ilusión polo que fai e que non lle gusta quedar rancio. A miña perspectiva é a transgresión e a vangarda, aínda que ás veces sexa necesaria a resiliencia para poder sobrevivir.
¿De onde nace o seu amor pola música?
De pequeno encantábame poñer música na casa. Escoitaba as cancións do verán, encantábame Nino Bravo e gustábanme moito bandas como Fórmula V, Los Diablos... Lembro que cantaba sobre as cancións cun micrófono e gravábame en cintas de casete coa cadea musical que había na casa e tamén lembro cantar cancións en formato Karaoke en VHS. No comedor, colocaba as cadeiras en fila e subíame a elas coma se fose un escenario con algunha guitarra ou acordeón de xoguete. Encantábame ir a ver as orquestras nas festas de San Xoán e San Froilán e logo montaba na casa escenarios en miniatura e poñía música durante unhas horas imitando o que vía na realidade. Curiosamente e sen saber por que, afasteime bastante do meu interese pola música ata tal punto que foi a primeira materia que suspendín na miña vida cando cursaba terceiro de ESO. Ao pouco tempo, fun a un concerto de rock e vin claramente que o que me gustaría é estar alí arriba, así que apúntome a clases de guitarra da man de Matías Moreno con 16 anos e empecei a cantar nunha banda de punk rock cos meus amigos. Empezamos desde abaixo e sen ter case coñecementos sobre o que estabamos facendo, pero facíano, e con moita actitude. Logo fun pasando por diferentes formacións e aquí sigo.
Que é Proyecto Valley?
É a necesidade de escribir e contar historias. Unha catarse, unha forma de expresión. A mestura de todo o que son amosada de forma íntima, sinxela e directa. Deixáronme un día como cantautor, e aínda que adoptei ese termo a modo resumo cando me preguntan que fago, ségueme a parecer un concepto moi serio e algo pretencioso definirme como tal.
Participa en diversos actos, é unha cuestión de vocación ou tamén quere darse a coñecer?
Pois un pouco de todo. Agradezo enormemente que queiran contar comigo para que actúe e faino sempre desde o corazón, pero o darse a coñecer tamén é importante. Ademais, escribo para ser escoitado, gústame que os meus temas ou os meus poemas cheguen á xente e xeren algunha sensación. Que fagan súas as miñas letras e que as interpreten como as sentan. Non son o tipo de persoa que escribe para si mesma, eu sempre sinto a necesidade de amosar o que fago.
Forma parte dalgunha asociación?
Si, formo parte da Asociación Cultural Rúa da Música, que leva anos facendo un papel fundamental na cultura underground de Sarria, tanto na súa labor como asociación musical como na organización do festival Garitosis, pero o máis interesante é que non somos os únicos. Sarria goza dunha gran programación cultural e dunha variedade envexable á de moitas cidades. Festivais con un nome recoñecido no panorama nacional como é o Esmorga, festivais que traen o último e que te descobren nova música como é o Ribela Love and Nature... Temos tamén A Verbena fest, o festival Interxeracións de A Unión e se queremos remontarnos a música de outras épocas está o festival Sarria Blues no Camiño. Está tamén o Buril, que trae moitos concertos ao ano, e movementos de todo o máis underground como é a Asociación Huhú ou o bar Xarope. Se queremos algo máis tradicional están Peleriños e Meigas e Trasgos, con unha traxectoria espectacular. Non quero esquecerme tampouco do Descenso Urbano e a asociación de coches a radiocontrol AC/RC. Ademais, este verán vaise celebrar a primeira edición dun novo festival, o Porta do Son. Tamén existen agrupacións de teatro, estudos de gravación, un coro, Sarria tamén é terra de bos escritores, escultores e anticuarios... Contamos cun interesante proxecto en xiros que é o museo Paixón Motor Slot. E xa se tiramos de historia estaría tamén Donicela, que organizaba eventos que lembro da miña nenez con moito cariño e o club Teixo, cuxos membros aínda seguen aportando ao panorama cultural. Creo que queda claro que Sarria sempre está no top a nivel cultural e que hai cabida para infinidade de gustos.
É fácil para unha persoa como vostede, dinámica e con aspiracións, vivir en Sarria?
Por suposto. De adolescente cría que a chave estaba en núcleos urbanos grandes, pero co tempo cada vez me dan máis ‘repelús’. Realmente, movémonos entre Sarria e Lugo, ambos sitios pequenos, pero creo que a chave da cultura está neste tipo de urbes. Ao final, calquera expresión artística auténtica vén de sitios pequenos, de clases traballadoras, de colectivos contraculturais e de xente de a pé que simplemente quere mostrar ao mundo a súa realidade. Tamén é necesario aprender a vivir coa tranquilidade e o silencio. En canto á diversidade... Creo que todo o mundo ten a capacidade de entendela, o caso é querer escoitar aos colectivos que dan visibilidade ás súas necesidades e que reclaman o dereito indiscutible da súa propia existencia. É unha loita máis, pero tamén está ben molestar ou incomodar de vez en cando. Non é cuestión de institucionalizar o non normativo, é cuestión de non arrincarlle os seus dereitos. No meu caso, o que me puido traer algún problema foi a miña forma de expresarme a través da roupa. Aínda así teño que dicir que, agás cousas puntuais, nunca tiven ningún tipo de problema á hora de probar cun look un pouco máis arriscado. Se que é certo que con 18 anos daba algo de corte saír maquillado e co pelo cardado como as bandas de glam e hard rock que escoitaba por aquel entón e cría que nunha gran cidade iso non suporía ningún problema, pero puiden comprobar que a realidade tampouco é todo iso e que os sitios pequenos tenden a acollerte. Teñen un punto moito máis acolledor e confortable, non hai que ter prexuízos neste aspecto. En resumo, sempre me sentín cómodo en Sarria mostrándome tal e como son.
Que cre que necesita Sarria?
Se miro atrás, o que botei de menos cando tiña 17 anos foi ter un local de ensaio de carácter público, xa que quen quería montar unha banda tiña que buscarse a vida para poder ter o seu local, o que tamén implica ter un equipo, cousa que custa diñeiro. Agora mesmo, Rúa da Música e algún local máis das inmediacións fan esta función e a cantidade de bandas reduciuse con respecto ás que había hai uns 15 anos, pero a creación dun espazo público para poder ir alí e tocar uns temas podería facer que esta situación cambiase. Unha boa sala de cine sería tamén algo que achegaría moito á vila. Lembremos que, nos seus tempos, Sarria contaba con tres cines que, por desgraza, acabaron pechando as súas portas. Gustaríame que a parte institucional siga contando coa xente de casa e nos dea o noso espazo nas festas para que se inclúa a todo aquel que queira participar.