Rebuldeira Teatro desenvolve a programación teatral de outubro e novembro en Sarria
O programa teatral de outubro e novembro de Sarria, desenvolvido e organizado pola Asociación Rebuldeira Teatro en colaboración co Concello de Sarria, inclúe varias actividades culturais para todos os públicos que contan coa colaboración da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.
Así, o vindeiro 29 de outubro terá lugar a obra 'A autopista' do grupo Argalleiras Teatro a partir das 20.00 horas, mentres que o 5 de novembro será a quenda de Teatro do ar, coa súa obra 'Chao', tamén ás 20.00 horas.
Xa o 12 de novembro Farándula Velutina actuará en Sarria coa súa obra 'A derradeira bala' ás 20.00 horas, mentres que Rebuldeira Teatro, organizador deste ciclo de teatro, representará 'Cita previa' o 19, tamén ás 20.00 horas. Por último, o día 26 de novembro Gargallada Teatro representará 'Crónica dun pobo', rematando as actividades teatrais de outubro-novembro.