Rebuldeira Teatro estrea en Sarria a súa nova obra de teatro, 'Vermello'

SarriaXa
A obra, dirixida por Rubén Pérez Pombo, mestura personaxes históricos da Guerra Civil con historias ficcionais e iniciará unha xira por Galicia
Vermello-Rebuldeira-Teatro
26 Sep 2025

A asociación cultural Rebuldeira Teatro presentará a súa nova creación, Vermello, o domingo 28 de setembro ás 20.00 horas no Salón de Actos Iván Tourón Morais da Casa da Cultura de Sarria. A peza, de creación propia e baixo a dirección de Rubén Pérez Pombo, aborda un relato no que se cruzan personaxes históricos e voces contemporáneas que viaxan desde a Guerra Civil ata o presente.

O elenco está formado por Viruca Pallares, Chus Tosar, Mila López, Mila Núñez, María Varela, Vicky Pérez, David de Manan e Rocío Peccatiello. A proposta busca reflexionar sobre o peso da guerra e a súa influencia nas xeracións posteriores, a través dun espectáculo no que conviven a risa e a dor, a vida e a morte, e no que a directora conduce a representación dende as táboas.

Tras a súa estrea, Vermello iniciará unha xira por diferentes localidades galegas con representacións en Pontedeume (4 de outubro), Melide (11 de outubro), Vigo (18 de outubro), Monterroso (25 de outubro) e novamente en Sarria (16 de novembro). O grupo mantén abertas as posibilidades de contratación segundo a súa dispoñibilidade.

Paralelamente, Rebuldeira Teatro seguirá representando @s vell@s non deben de namorarse, adaptación cómica do clásico de Castelao, que poderá verse en Ferrol (19 de outubro), O Carballiño (2 de novembro), Vedra (8 de novembro) e A Pontenova (20 de decembro).

⚙ Configurar cookies
0.092065811157227