Recoñecen o labor da Oficina Móbil de Atención ao Peregrino de Sarria no Camiño de Santiago

SarriaXa
O operativo internacional sumou 260 servizos, con auxilios, iniciativas solidarias e colaboración con colectivos con necesidades especiais
seguridade-Camiño-de-Santiago-en-Sarria
26 Sep 2025

Sarria acolleu un acto de homenaxe á Oficina Móbil de Atención ao Peregrino (OMAP) polo traballo desenvolvido durante a campaña de verán no Camiño de Santiago dentro do Plan de Seguridade Xacobeo 2025.

O encontro reuniu a representantes da Gendarmería francesa, a Guarda Nacional Republicana portuguesa, os Carabinieri italianos e a policía alemá, que xunto aos efectivos despregados en Galicia contribuíron a reforzar a seguridade da ruta xacobea.

Durante a Semana Santa e os meses de verán, a OMAP estivo integrada por 12 efectivos nacionais e 11 axentes internacionais, que levaron a cabo un total de 260 servizos.

Entre eles destacaron actuacións de auxilio sanitario e informativo, a recuperación de obxectos e documentación extraviada e a participación en exhibicións dirixidas a escolares. A oficina sumouse tamén a iniciativas solidarias enmarcadas no concepto de Camiño Accesible, acompañando a colectivos con necesidades especiais como persoas enfermas de ELA, no proxecto CompostELA, ou persoas con autismo, a través do programa CamminAutismo, no que colaboraron tamén axentes internacionais como os Carabinieri italianos.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, subliñou que estas accións consolidan o Camiño como un espazo seguro, hospitalario e aberto ao mundo, e puxo en valor a cooperación europea como un elemento que “enriquece a experiencia do peregrino e fortalece os lazos entre países”. Ademais, destacou a proximidade e implicación dos efectivos despregados.

No conxunto do Plan de Seguridade Xacobeo 2025, contabilizáronse 9.834 servizos e o Escuadrón de Cabalería reforzou a protección das etapas, nun operativo que mantivo unha baixa incidencia delincuencial e consolidou o prestixio internacional da ruta.

Neste acto, no que tamén participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e o coronel xefe da Comandancia de Lugo, Luis Germán Avilés, fíxose extensivo o recoñecemento á Garda Civil polo seu papel de apoio.

⚙ Configurar cookies
0.09071683883667