Regúlase a ordenanza pola cal se establece o horario de peche das terrazas de Sarria
As terrazas de Sarria xa contan cunha nova ordenanza despois de aprobarse no pleno co apoio de Camiña Sarria e abstención dos tres partidos da oposición, PP, PSOE e BNG.
Desta maneira, as terrazas poderán estar abertas ata as 02.30 horas durante as festas patronais de Sarria, en San Xoán, pero tamén durante os meses de xullo e agosto.
Con respecto ao resto do ano, o horario de 1 de outubro a 30 de abril será ata as 23.30 horas de domingos a xoves e ata as 00.30 horas os venres, sábados e vésperas de festivos. E en maio, xuño e setembro, de domingo a xoves poderán abrir ata as 00.30 horas e venres, sábados e vésperas de festivos ata as 01.30 horas.
Estes horarios establecidos poderán ser modificados temporalmente por razón de festas, datas concretas de interese ou celebración de eventos na vila sarriá.
Regulación das terrazas en zonas de estacionamento
Con esta nova ordenanza, que substitúe á de 2012, regúlase as terrazas situadas en zonas de aparcamento de vehículos, instaladas na época covid.
Así, marca un mínimo de 1,5 metros para o paso de peóns, prohibe perforar pavimentos e o uso de aparatos de son e altofalantes, así como tampouco se permite a instalación de máquinas recreativas nin barras nas fachadas. Pero si que se poderán poñer aparatos de climatización e calefacción.
Por outra banda, na normativa recóllese a obriga de recoller os elementos da terraza no horario de peche, deixando libre a vía pública; aínda que en verán si que se permite deixar as cadeiras e mesas na vía pública sempre e cando non intercedan no paso dos peóns.