Rematadas as obras na ponte de Valdriz en Láncara
As obras da nova ponte de Valdriz en Láncara xa se remataron a finais desta semana. Así mesmo, as actuacións tamén implicaron a construción dunha rotonda para xestionar a circulación da LU-621 e a creación dunha senda peonil e ciclista desde o último tramo de beirarrúas da Pobra de San Xiao ata a nova rotonda de acceso a Valdriz.
Estas obras supoñen unha importante mellora para Láncara e cumpriron co prazo anunciado para o remate dunhas actuacións nas que se investiron 870.000 euros, tendo en conta o investimento necesario no retranqueo e soterramento da liña de evacuación hidroeléctrica de Valdriz, como paso previo necesario para a ampliación da ponte.
Ademais, lembrouse que a intervención nesta infraestrutura foi a obra máis complexa de todo este proxecto, que permitiu a ampliación da ponte, pasando dos 6 metros de ancho aos 10,5 metros, e que tamén precisou de importantes traballos de movementos de terras e de microvoaduras controladas en todo o trazado.
Todos estes traballos precisaron da escavación de máis de 15.000 metros cúbicos e do emprego de máis de 1.000 toneladas de mestura asfáltica, o que dá unha idea da envergadura da actuación.
Desta maneira, destacouse que a obra na ponte redunda nunha maior seguridade para o tráfico rodado nun cruzamento bastante perigoso. De feito, na execución destes traballos levouse a cabo unha pequena rectificación do trazado para que a entrada á ponte sexa desde agora máis segura.
Xunto á ampliación da ponte, a intervención global implicou a construción dunha rotonda para mellorar o tráfico no contorno da urbanización de Valdriz, ademais dunha senda de preto de medio quilómetro que discorre pola marxe esquerda entre este punto e o inicio das beirarrúas da Pobra de San Xiao.