Rematan as obras de reordenación do cemiterio de San Martiño de Lousada, en Samos

SarriaXa
A intervención, cun investimento de 200.000 euros, completa a restauración da igrexa acometida pola Xunta no ano 2020 e busca preservar o valor patrimonial do lugar
obras-cemiterio-de-San-Martiño-de-Lousada-Samos
7 Jul 2025

As obras de reordenación do cemiterio de San Martiño de Lousada, no Concello de Samos, veñen de concluír, completando así a intervención iniciada pola Xunta de Galicia no ano 2020 coa restauración da igrexa parroquial. Esta última actuación contou cun orzamento de 200.000 euros e tivo como obxectivo principal o traslado e a liberación das sepulturas situadas sobre o terreo do atrio, un espazo que sufriu diversas modificacións ao longo do tempo.

Os traballos incluíron tamén a limpeza e nivelación do terreo para manter a cota natural nas tumbas que non foron trasladadas, así como a construción de tres volumes de nichos e un muro perimetral na zona norte. A actuación completouse coa pavimentación de accesos co fin de mellorar a mobilidade no recinto.

Coa finalización desta fase, a Xunta suma xa máis de 400.000 euros investidos neste ben patrimonial incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Segundo explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, na primeira fase realizada en 2020 acometeuse a restauración da igrexa, coa instalación dunha nova cuberta, a consolidación dos muros de carga, a mellora do drenaxe perimetral e a substitución das carpintarías.

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, subliñou que estas obras son “fundamentais para garantir a conservación do noso patrimonio e asegurar que as vindeiras xeracións poidan seguir coñecendo e valorando este legado”. Ademais, defendeu que a intervención amosa “o compromiso da Xunta coa preservación do noso legado cultural, tamén no rural e en pequenos lugares que gardan séculos de historia e identidade. Seguiremos traballando para que o patrimonio galego siga vivo, protexido e ao servizo da cidadanía”.

⚙ Configurar cookies
0.15215682983398