Rematan as obras de substitución das cubertas do CAPD de Sarria
Remataron as obras de substitución das cubertas do edificio principal e o pavillón polideportivo do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria, nas que a Xunta investiu 452.200 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade visitaron as instalacións para comprobar as últimas reformas realizadas, que inclúen tamén o acondicionamento da explanada de acceso, cun orzamento de 42.200 euros. Estiveron acompañados polo xefe territorial de Política Social en Lugo, Javier Vázquez Nodal, e o director do CAPD, Luis Pardo, entre outros.
Os responsables autonómicos explicaron que nos últimos meses tamén se destinaron 20.800 euros a obras menores e adquisición de equipamento, entre elas a impermeabilización da terraza, a instalación de portas automáticas no acceso ao centro para poder illar dous espazos diferenciados a causa da Covid-19, a colocación de seis bancos no xardín, e a adquisición dun autoclave, unha termoselladora e diverso mobiliario.
Coa mellora constante das infraestruturas e as dotacións garántese a funcionalidade do centro e o confort de usuarios e traballadores.