Rematan en Sarria as obras de rehabilitación de dous pendellos do campo da feira

O obradoiro de emprego Camiño de Santiago V vén de completar a rehabilitación de dous pendellos situados no campo da feira de Sarria, dentro dun programa formativo impulsado polo Concello e cofinanciado pola Xunta de Galicia, que destinou 412.000 euros a esta edición.
Durante unha visita aos traballos, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou que “actuacións como esta dan boa mostra do nivel que adquiren os participantes nos obradoiros, que melloran as súas expectativas de inserción laboral en sectores con demanda de traballadores”. Na comitiva tamén estiveron presentes a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, entre outras persoas.
O obradoiro conta con vinte prazas repartidas en dúas especialidades formativas: fábricas de albanelería e instalación de elementos de carpintería. Os traballos realizados forman parte dun plan de intervencións que dan continuidade ás melloras desenvolvidas por anteriores edicións do programa no campo da feira, unha das áreas máis características da vila.
Durante os nove meses de duración do obradoiro, o alumnado tamén está a executar outras tarefas como a preparación das canalizacións necesarias para a futura renovación das instalacións eléctricas, do alumeado público e da rede de telefonía do recinto feiral.
Ademais, están a desenvolver proxectos como a montaxe e colocación de portas, fiestras e revestimentos de madeira na oficina de turismo, así como a instalación de estruturas de madeira en diversos puntos do Camiño de Santiago ao seu paso por Sarria, co obxectivo de mellorar a imaxe e ocultar os contedores do lixo.
O programa proporciona aos participantes a formación precisa para desempeñarse no sector da construción e da carpintería, cun compoñente práctico remunerado que se mantén durante todo o curso.