Rematando ben a tempada

SarriaXa
Por Adrián Fernández
division feminina CB Sarria
División feminina do CB Sarria
18 Maio 2024

Bos resultados para o CB Sarria nesta parte final da tempada, onde están a rematar as ligas provinciais, mantendo os éxitos acadados o ano pasado.

Comezamos o repaso pola categoría premini na que tanto o Oso Blanco masculino coma o Fisioterapia Ivonne Castro na feminina quedaron campións clasificándose así para disputar o campionato galego. O equipo masculino terá que enfrontarse ao Basket Ferrol, Culleredo e Golfiños Sada no grupo B e o equipo feminino xogará contra Pontumio, Baxi Ferrol e Burela no grupo A.

Na categoría minibasket o CB Sarria masculino segue intratable despois de gañar os tres encontros do mes de abril e mantén o 1º posto do grupo B sen coñecer a derrota (6-0), mentres o equipo feminino ocupa a 2ª posición do grupo A-2 da 1ª división con 4 victorias e 2 derrotas, ámbalas dúas neste mes de abril ante Celta e Brión.

O Pre-infantil masculino rematou a primeira fase 7º cun balance de 7-11 pero non comezou ben a segunda fase caendo derrotado nos tres encontros disputados durante o mes de abril. O infantil feminino, pola contra, rematou a fase regular invicto despois de gañar os 3 partidos deste mes de abril e xogará a final, que dará acceso á fase de ascenso, contra Burela, campión do otro grupo.

Distintos resultados na categoría cadete, tanto o equipo masculino coma o equipo feminino non foron quen de acadar ningunha vitoria nesta segunda fase e remataron últimos nos seus grupos, pero isto non desmerece o traballo feito durante a tempada e a mellora no xogo dos dous equipos.

O equipo júnior feminino repetiu os resultados da fase de inverno e volveu a gañar todos os partidos da fase regular, rematando 1º con 10-0 e puidendo pelexar por segunda vez este ano polo ascenso á primeira división. O equipo masculino quedou ás portas de conseguir o mesmo nunha categoría júnior moi disputada, pero a diferencia de puntos en favor do Estudiantes fixo que gañaran a Liga os de Lugo pese a empatar a vitorias.

E para rematar os máis maiores, o CB Sarria sénior masculino baixou á sexta praza despois dun mes de abril moi malo no que encadeou catro derrotas deixando ao equipo con 5 vitorias e 5 derrotas, con síntomas de que se está a facer longa a tempada; mentres o equipo feminino gañou os seis encontros da segunda fase e está a xogar agora polo 11º posto, perdendo na ida por só dous puntos na casa do Igualdade Cambados.

En definitiva, e independentemente dos resultados finais, outro ano de bos resultados para o club, pese aos cambios.

0.06760311126709