Reportaxe: A Cova Eirós, un lugar onde habitaron os neandertais

SarriaXa
La Cueva Eirós, una cueva prehistórica situada en el lugar de Cancelo, Triacastela. Contiene un importante yacimento arqueológico.
cova eiros2
30 Jan 2022

A Cova Eirós é unha cova prehistórica situada no lugar de Cancelo, pertencente ao concello de Triacastela. Contén un importante xacemento arqueolóxico do Paleolítico Medio que conta con máis de 35000 anos de antigüidade. Neste lugar atopáronse restos do Homo neanderthalensis e Homo Sapiens. Foron identificados un total de 13 paneis con arte rupestre obtendo 93 motivos ademais da recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas que converteron a Cova Eirós nun dos xacementos de referencia para o estudo da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades de cazadores e recolectores que viviron en Galicia fai 40.000 anos.

A entrada á cavidade está localizada na ladeira do Monte Penedo, na Serra de Ouribio, a 780 metros de altura. O sistema cárstico da Cova desenvólvese en calcarias da Serie de Cándana, formadas durante o Cámbrico inferior. A cavidade ten unha lonxitude de 104 metros, cunha boca de entrada de 2 metros de altura e 3,5 metros de anchura na actualidade. Esta entrada estréitase despois dos sete primeiros metros de recorrido, dando paso a unha gateira de case 15 metros de lonxitude. Tras esta, accédese á Sala Principal ou do Mamut.

Secuencia estratigráfica

A secuencia estratigráfica descrita no xacemento pódese estruturar no nivel superficial que é terra orgánica moi solta e fortemente bioturbada. Esta presenta restos da calcaria froito dos desprendementos do teito. Neste nivel identificouse un empedrado perimetral que delimita o espazo de dous silos medievais. O nivel B da cova sería de matriz limosa de cor amarelo esbrancuxado, compacto e onde se encontran gravas angulosas de calcaria. Na parte inferior deste nivel identifícase unha capa de sedimento moi orgánico de cor escuro. Nesta capa recuperouse moito material arqueolóxico. E o nivel C que é de matriz arxilosa moi compacta na que aparecen gravas e clastos. Cunha marcada pendente sur que segue a topografía do talude. Interprétase como un removido dos niveis do interior da cova.

Os niveis interiores poden clasificarse en catro diferentes. O nivel 1 está composto por areas finas amarelas, pouco compactas e con estratificación laminar subhorizonal na parte superior e areas de cor alaranxado, máis compacta e con estratificación paralela horizontal na inferior. O nivel 2 é franco-arxiloso de cor alaranxado e máis compacto que o nivel anterior. O nivel 3 está formado por arxilas de cor marrón con pequenas gravas de calcarias. Este nivel presenta unha maior compactación e homoxeneidade que o nivel supraxacente. O nivel 4 está integrado por arxilas e areas finas amarelas fortemente carbonatadas con gravas subredondeadas de calcaria e esquisto. Este é o nivel actual de escavación.

Xacementos arqueolóxicos

Foi na década dos 80 cando a Universidade de A Coruña realizou diferentes escavacións que deron como resultado a recuperación de preto de 4.000 osos pertencentes a 43 individuos. Isto converteu este lugar coma un dos xacementos máis importantes da Península Ibérica.

Esta cova conserva a única secuencia do noroeste da península Ibérica onde se pode estudar a transición entre os últimos neandertais e os primeiros humanos modernos.

O interese do xacemento conta con manifestacións da arte parietal paleolítico que foron descubertas no seu interior, isto converte a estación na cova con arte parietal máis occidental da Rexión Cantábrica e a única en Galicia. Este patrimonio está en risco de destrución debido á explotación mineira.

Non foi ata o 20 de agosto deste ano que esta cova se converteu en Ben de Interese Cultural dende o 12 de xullo cando a Deputación de Lugo solicitou esta declaración á Xunta de Galicia.

En Cancelo tamén se atopa a Igrexa de San Cristovo de Cancelo que conta con pinturas do século XVI. As pinturas representan a Última Cea e varios pasaxes da Paixón de Cristo.

0.15972900390625