Reportaxe: A ruta que conduce ás orixes da familia Castro

SarriaXa
Nun mes de xullo de 1992, Fidel Castro viaxou a Galicia
casa-natal-padre-fidel-castro-lancara-portada
10 Jul 2022

Nun mes de xullo coma o de arestora pero en 1992, Fidel Castro viaxou a Galicia. Case sesenta e sete anos despois de que seu pai, Ángel Castro Argiz, deixase a súa Láncara natal para desembarcar de Mavane en La Habana. Era o 4 de decembro de 1899, día do seu aniversario; cumpría 24 e do outro lar do charco ficaba a súa aldea de Armeá de Arriba; esa na que vivira case un cuarto de século e onde destacara pola súa destreza xogando ás cartas. Contan aínda hoxe pola contorna unha historia que se tornou moi popular, pois durante unha noite de xogo Ángel Castro e un veciño apostaran as súas casas, levando finalmente o triunfo Castro. Porén, e pese a humildade na que Ángel vivía, chama a atención que este se negou finalmente a cobrarlle a débeda ao seu contrincante.

Quen sabe se naquel entorno do Caribe, mentres plantaba caña de azucre, criaba galos de pelexa ou máis adiante observaba a súa facenda Manacas en territorio do verde Birán, cavilaba no berce modesto da súa orixe, naquelas persoas e paisaxes que abrangueran o mundo primeiro que coñecera. Quen sabe todo canto puido contarlle aos seus fillos sobre esa Galicia que só puideron imaxinar por boca dun pai ata que co devagar do tempo se foron achegando a coñecer en persoa o seu lugar.

“Hai moitos anos que desexaba vir aquí de visita. Xa os meus irmáns maiores  habían vindo e faltaba eu. Emocióname a humildade na que vivía o meu papá”, declarou Raúl Castro aló polo ano 2005 logo de erguerse do banquiño da casa e expresar que lle houbese encantado pasar canto menos un anaco a soas sen tanta presenza mediática ao seu redor.

Mais, sen dúbida, a visita que máis expectación causou foi a daquel 28 de xullo de 1992, cando Fidel Alejandro Castro Ruz asentou por vez primeira os seus pés na aldea paterna.  Protexido por un amplo dispositivo de seguridade que incluía helicópteros de vixilancia, o líder da Revolución Cubana entrara no fogar acompañado da súa ampla comitiva.

Horas antes, o dirixente cubano paseara pola Muralla de Lugo e despois, na Pobra de San Xiao, capital lancaresa, fora obsequiado co título de fillo adoptivo. Un tributo ao que o comandante contestara desvelando: “Cantas veces escoitei na miña casa a idea de visitar este lugar?”.

Por conseguinte, desde este enclave podería iniciar o seu roteiro todo aquel que neste verán, ao cumprírense xusto 30 anos do pasamento de Castro por Galicia, decida rememorar aquel fito emblemático que xa forma parte da historia.

OS CAMIÑOS QUE NOS GUÍAN ATA A CASA DE ÁNGEL CASTRO

Se partimos entón da Pobra de San Xiao, podemos tomar dous camiños para chegar a San Pedro de Armeá de Arriba. Un deles sería o que pasa Muro e Carracedo, indo a dar a dúas desviacións; unha delas a de  Oleiros e Larín e a outra, a cal se deberá proseguir, a de Santa María de Lama, Toubille, Souto e finalmente Armea.

Se pola contra preferimos probar outro itinerario, temos a opción de dirixirnos desde a Pobra de San Xiao cara as aldeas de Neira, Bande e Vilaleo. A partir de aí, encontraremos dous tipos de desvíos; un que cara a esquerda conduce a Toirán e Trasliste e outro que leva a San Pedro de Láncara e a Santa María de Lama. Este último será o que teremos que escoller e a partires de aí, pasadas de longo as citadas de Toubille e Souto, acharemos Armea de Arriba.

Máis detalladamente, todo aquel que emprenda camiño no seu vehículo desde a Pobra de San Xiao pode seguir a Rúa Valdriz ata a estradada LU-621. Deste xeito, deixarase atrás a Igrexa de Santa María Madalena de Neira de Cabaleiros ou o Cemiterio de Bande. Así chegarase ata Vilaleo de Abaixo e a Parroquia de Santa María, topando máis adiante con outra parroquia, a de San Vicente. Tamén se pasará por Os Baos e Fuxón antes de chegar definitivamente ao destino. Cómpre destacar que este roteiro en coche ten un  tempo estimado de percorrido dun cuarto de hora.

Porén, as persoas que decidan emprender o traxecto en bicicleta posúen a posibilidade de seguir unha ruta a través da rúa Benigno Quiroga da Pobra de San Xiao. Esta guiaraos moi pretiño de aldeas como Supena, Ronfe, Seador, Bouciñas, Oleiros e finalmente, mediante a CP-5701, chegarán a Armea de Arriba. O tempo que comprende esta andaina estará estimado en corenta minutos.

E para os que se atrevan a levar a cabo a aventura a pé, deberán saber que o perccorrido máis seguro está calculado que levará canto menos un pouco máis de dúas horas. Nesta ocasión, o aconsellable será o tomar os sendeiros que van por baixo da a estradada LU-621. Isto é saíndo da Rúa Aldriz cara Ariz e desviándose da LU-621 pasado Sampaio e destino Agrolazas, por onde se irá a parar moi preto de Neira de Rapados e o muíño que fica cabo do Río Neira. Seguindo esta dirección atravesarase a Ponte de Carracedo e trancorrerase por Fuxón abaixo onde xa se irá a desembocar a Armea.

E chegados aló, a Armeá de Arriba, calquera poderá indicarnos cal é a famosa casa da que Ángel Castro Argiz partira en dúas ocasións rumbo a Cuba. A primeira obedecendo a un troque a causa de sustituír ao fillo dun rico da zona para combatir no seu lugar durante Guerra da Independencia Cubana e a segunda moi pouco tempo despois para establecerse xa definitivamente aló no decembro de 1899 e non regresar nunca máis a súa terra.

A porta da casa fica fechada cun candando, na parte traseira a ventá sen fiestra deixa ver  unha bombilla que perdura no teito da parede. Aquí chegan de vez en cando os curiosos a observaren algo da estirpe dos Castro, algo do que resta en Galicia.

Hai tempo que a familia Castro donou este fogar para que fose convertido nun museo, o cal será recoñecido como un centro de interpretación da emigración galega en América. Non obstante, a crise sanitaria do Covid-19 provocou que os traballos se parasen. Por conseguinte,  o que estaba previsto que fose inaugurado na primavera do 2020 foi postergado e aínda agardan a día de hoxe a que se rematen as obras de restauración.

Mentres tanto, aquí pódese imaxinar este lugar moitos anos atrás, igual ca se aínda non pasase o tempo un pode sentarse a fantasear como se escoitarían os choros dun meniño preto do Nadal de 1875, como este medraría e se faría mozo entre as barallas de cartas e as labores propias do medio rural; como entraría tantas veces por esa porta fronte á que hoxe toman fotos tantos visitantes e como fecharía por última vez   para non volver apanazala nunca máis.

Ángel Castro morreu en outubro de 1956, tan só corenta  e dous días antes do desembarco en Los Cayuelos do comandante Fidel canda o resto de guerrilleiros. Tanto tempo despois, unha placa trata de lembrar para sempre a todo aquel que pase preto do lugar onde viu a luz por vez primeira que  “nesta casa, en 1875, naceu Ángel Castro Argiz, galego que emigrou a Cuba, onde plantou árbores que aínda florecen“.

0.13789391517639