Reportaxe: Cando un vehículo deixa de ser vello a ser histórico
O parque móbil español conta, na actualidade, cunha media de 13,2 anos, polo que existen unha grande cantidade de vehículos vellos circulando polas nosas estradas. Dependendo das características de cada un, poderán ser catalogados como clásicos ou históricos.
Normalmente úsanse as palabras clásico e histórico como sinónimos para referirse aos vehículos de certa antigüidade. Porén, de cara ás administracións competentes que regulan este tema o termo clásico non se emprega en ningún dos Reais Decretos polo que é incorrecto afirmar “vou matricular o meu coche como clásico”. No territorio español tan só existe un réxime especial para os vehículos históricos e, por iso, a matrícula que se lles outorga comeza pola letra H.
O principal requisito para considerar un vehículo antigo en histórico é a antigüidade. Ata o ano 2018, tódolos vehículos superiores a 25 anos podían entrar nesta categoría de clásicos, pero coa nova normativa que entrou en vigor o 20 de maio dese mesmo ano, este límite de idade se ampliou a 30 anos. Outro requisito é que non se fabriquen máis unidades dese modelo e que manteña o seu estado orixinal, sen cambios nas súas características técnicas ou compoñentes principais.
Outro factor a ter en conta para que un vehículo sexa histórico é que este debe estar rexistrado no Inventario General de Bienes Muebles de Patrimonio Histórico Español. Ademais, as características e as prestacións que ofrezan, supoñen un valor engadido ao mesmo tempo que aumenta o seu prezo de venta.
Para acadar a denominación de coche clásico hai que presentar a documentación necesaria e, para iso, o propietario debe ter un documento que recolla as características técnicas do vehículo. Isto pode resultar complicado se non se ten o orixinal, por iso, o aconsellable é acudir as asociacións ou clubs adicados aos vehículos históricos. Neste documento, tamén deberá constar as características propias do vehículo, fotografías do mesmo e si conta con algunha limitación de circulación.
O primeiro paso é que o vehículo pase unha inspección nun laboratorio oficial acreditado pola comunidade autónoma onde se quere tramitar a denominación do coche clásico. A continuación, o órgano competente da comunidade autónoma deberá dar a súa aprobación baseándose nos resultados do exame e, por último, o vehículo terá que pasar a ITV para a súa posterior matriculación como clásico histórico na Xefatura de Tráfico que corresponda.
CLUB CLÁSICOS SARRIA
Na comarca de Sarria contan cun Club de vehículos clásicos que naceu no ano 2018, da man dun grupo de amigos amantes dos vehículos antigos e clásicos, co ánimo de agrupar e organizar eventos de maneira conxunta entre os compañeiros de afección. Na actualidade contan con 80 socios de Sarria e outras cidades de Galicia.
Este club é moi novo e ten moitas ganas de organizar eventos, compartir experiencias e promover a comarca de Sarria. Este obxectivo principal viuse truncado coa chegada da pandemia que afectou directamente a este grupo que estaba emerxendo.
Entre os obxectivos que ten esta asociación encóntrase o de recuperar, conservar e restaurar todo tipo de vehículos antigos, recopilar datos, manuais técnicos, libros e calquera tipo de documentación de vehículos clásicos. Realizar concentracións, rutas e exposicións colectivas de vehículos propios e alleos e por último, brindar axuda e apoio entre os socios.
FALAMOS CON ÍKER TREVIJANO, PRESIDENTE DO CLUB CLÁSICOS DE SARRIA
Cal é a cita máis esperada do ano polos socios?
Ademais de diversos actos, o principal acto do club é a organización dunha concentración anual, o primeiro domingo de xuño en Sarria, acompañada dunha ruta e un rally de regularidade pola nosa comarca, na que recibimos vehículos de toda Galicia e de outras comunidades autónomas.
Que hai que facer para ser socio?
Para ser socio do noso club, non é preciso ter un vehículo clásico, tan só ter afección por eles.
Que características ten que ter un vehículo para que se considere clásico?
Considéranse vehículos clásicos aqueles que superen os 30 anos de antigüidade.
En que prezos se poden atopar?
O valor dos vehículos tamén é moi diferente, aínda que en moitas ocasións é máis importante o valor sentimental posto que son coches que sempre estiveran en casa ou eran dalgún familiar achegado.
Cales son as características do perfil medio dun socio?
O perfil dos socios é moi amplo, temos socios de tódalas idades.
De onde son maioritariamente os membros da asociación?
Actualmente os nosos socios son principalmente da comarca de Sarria, pero xa se uniron a nós outros compañeiros de Lugo, Burela, A Coruña...
Cal é o vehículo máis antigo da asociación?
Os vehículos máis antigos pertencentes ao noso club son un Amilcar do ano 1926 e un Chevrolet rubia do 1927.
A parte das concentracións e rutas facedes algún tipo de actividade ou labor máis?
Precisamente estamos a realizar informes para a catalogación de vehículos históricos esta tempada en Sarria. Xa fixemos 32 vehículos do club e pasadas as festas, os enxeñeiros volverán para facer outros 7.