Garrido fai un balance da lexislatura
“Os últimos anos supuxeron un gran avance para o Concello de Sarria”. Así resume o alcalde da localidade, Claudio Garrido, os últimos anos de xestión municipal. “Esta localidade vén de sofrer cambios para mellorar a convivencia dos seus veciños e cidadáns a través de servizos e infraestruturas que facilitan e acomodan a vida dos sarriaos”, indica.
O alcalde, Claudio Garrido afirma que a vila contaba na súa chegada cunha serie de deterioros nos servizos e infraestruturas “providos da paralización das inversións durante os gobernos anteriores. Isto supoñía un impedimento para o crecemento do Concello e a comodidade dos seus veciños”. Resalta Garrido a escaseza de obras adxudicadas e que as poucas que se aceptaban supoñían un fracaso na súa execución.
A chegada ao poder do actual alcalde “foi todo un reto á hora de poñer en orde os servizos do Concello”, afirma. Destaca entre as súas intervencións a actuación na Rúa Diego Pazos, “facendo un vial transitable e seguro para os cidadáns. Esta rúa que articula o sector comercial de Sarria precisaba unha remodelación que nos anos anteriores quedou paralizada debido á falta de xestión”.
Outra das iniciativas máis importantes para o Concello foi a construción de máis de 400 nichos cos que afirman que quería “poñer fin á lista de espera dos veciños que dende o ano 2010 non contaban con sepulcros libres para os seus familiares e seres queridos no cemiterio”. A lista de agarda chegou a alcanzar os 320. “Isto supón unha maior tranquilidade para os sarriaos que poden ter aos seus seres queridos preto deles garantindo un servizo esencial”, engade Garrido quen asegura que na actualidade, ningún cidadán da zona de Sarria está á espera de atopar lugar onde dar sepultura á súa xente.
Ademais, durante este ano púxose en funcionamento a piscina climatizada, unha infraestrutura que se construíu no ano 2012 e non se puxo en marcha ata este 2021. Para levar a cabo a apertura desta infraestrutura foi necesario cambiar as caldeiras e un traballo de recuperación nos paneis de cristal que sufriron do vandalismo e abandono durante os 9 anos de paralización. Este non foi o único centro deportivo no que se investiu, indica. Tamén se restauraron cubertas, alumeado e outro elementos en moitos pavillóns municipais “de nestas infraestruturas que promoven a realización de exercicio e a vida saudable entre os veciños”.
CAMIÑOS. “O deterioro dos camiños, pistas e estradas de titularidade municipal foi outro dos problemas herdados dos anos anteriores”, afirma e engade que nestas calzadas eran “case inexistentes” os labores de roce, saneamento e parcheamento de fochancas. Polo tanto, “falar de crear unha estratexia de actuación foi un esforzo titánico de moita planificación e inversión. Para resolver este problema houbo unha potenciación nas campañas de parcheamento por todo o termo municipal, creouse unha cuadrilla con material e maquinaria para dar dignidade e seguridade a estas pistas”, indica. Claudio Garrido recoñece que aínda non está satisfeito ao 100% e entre as novas actuacións de cara ao 2022 destaca os asfaltados en aglomerado en quente “que ofrece maior calidade e duración das pistas”.
“A remodelación e limpeza das pistas e rúas principais de Sarria reflicte o compromiso que temos para garantir unhas condicións dignas e seguras para os cidadáns”, explica o alcalde.
Durante este tempo, tamén se marcou como obxectivo “mellorar as condicións dun sector moi importante na comarca de Sarria”.
IBI. Dende o Goberno central impúxose o cobro dun novo imposto aos gandeiros e agricultores, o IBI. Sarria é un municipio gandeiro polo tanto, isto supuxo unha repercusión no rural local onde se atopan máis de 1000 explotacións agrícolas. Dende o Concello mostraron a súa preocupación e “tomamos a iniciativa de bonificar o 95% do IBI gandeiro axudando a asentar de novo o sector gandeiro e promovendo a recuperación do mesmo no Concello”.
Durante este tempo afirman tamén que se relanzou a participación do Concello no Eixo Atlántico restablecendo as relacións con Portugal.
CAMIÑO DE SANTIAGO. Garrido defende tamén que o Camiño de Santiago supón un gran impulso económico e turístico para a zona de Sarria. Por iso, marcáronse o obxectivo de por en valor de novo a Ponte Ribeira, unha ponte pola que os peregrinos acceden á vila no seu camiño a Santiago pola ruta francesa. Esta ponte pechou ao seu tránsito no ano 2014 e durante este ano “pelexamos coa Xunta e o PP ata que conseguimos establecer unha plataforma provisional por onde pasarán os peregrinos e un vial para que circulen os coches e os autobuses mentres que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que é a que se comprometeu publicamente a financiar e redactar a obra de rehabilitación da ponte, leva a cabo o proxecto”. Nestes días finalizouse a estrutura de ferro e en xaneiro afirman que estará funcionando. “sendo este un fito para o Camiño”.
Na obra de rehabilitación da ponte tamén se adxudicaron 20.000 euros para mellorar a contorna da mesma, “o que supón unha renovación de cara ao patrimonio cultural do Concello e un impulso turístico de gran valor”, explica o mandatario.
MEDIO AMBIENTE. Entre as actuacións de Claudio Garrido durante este ano e medio de mandato, destaca a tentativa de entrar no pacto polo clima e a enerxía sostible. “O sistema de alumeado público e xestión enerxética do Concello estaba obsoleto e anticuado”, polo que se fixaron como fin a descarbonización de Sarria antes do 2030. Para iso, os 5.900 farois de luz “que non cumprían as normativas e producían un gasto enerxético excesivo” foron cambiados por luces LED. Ademais, tamén se modificaron 360 puntos de control dos 390 totais “xa que precisaban dunha actualización para deixar de supor un risco para os cidadáns”. Este proceso de transformación enerxética estímase que supón un aforro para o Concello de 140.000 euros xa que no 2019 tiña un gasto de combustible de 790.000 euros que se viu reducido grazas a estes cambios a 650.000 euros.
POLÍTICA SOCIAL. No eido da política social, Garrido explica que se mellorou o programa de conciliación laboral e familiar dos veciños. O Concello xa contaba cun programa de madrugadores durante o calendario escolar. Durante estes últimos anos, este programa viuse ampliado con máis actividades “co fin de garantir os dereitos das persoas e a calidade do servizo ao longo de todo o ano”, di Garrido. Neste campo, tamén se iniciou unha agrupación cos demais concellos da comarca de Sarria para ofrecer Atención Temperá aos nenos de 0 a 6 anos con necesidades especiais. Este tipo de actividades supoñen a estimulación precoz co obxectivo de dar resposta o máis pronto posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no seu desenvolvemento ou aqueles que teñen risco de padecelos. “Con este tipo de servizos estase a garantir unha mellora na calidade de vida dos nenos da comarca”, afirma o alcalde.
RESIDENCIA. Sarria é un dos únicos concellos que ten unha residencia para a terceira idade de carácter municipal financiada ao 100% polo goberno local sen ningunha axuda. “A residencia contaba cun déficit de 400.000 euros debido á mala xestión da mesma por parte dos gobernos anteriores”, di o alcalde.
O goberno de Claudio Garrido di que está a loitar polo recoñecemento en igualdade e equidade dos usuarios e que todos os cidadán teñan dereito a unha praza na residencia independentemente da súa situación económica. Por iso, recentemente presentouse unha proposta á Deputación.
En canto a situación pandémica, o Concello viu necesario a axuda ao sector hostaleiro, un dos máis afectados durante os últimos meses. Para apoiar a estes comercios o alcalde comprendeu “que había maior necesidade en traballar que unha simple achega económica”. Desta forma suprimiu a ordenanza de terrazas posibilitando que en espazos de aparcadoiro se puideran instalar mesas para ampliar o aforo dos locais e poder ofrecer maior servizo. Esta medida prolongarase durante o 2022 para fomentar a recuperación dos locais hostaleiros e promover o tecido económico da vila.
ECONOMÍA. “Un dos maiores problemas aos que se tivo que enfrontar o goberno na súa chegada ao Concello foi a situación económica dos servizos básicos dependentes das ordenanzas municipais”, explica Garrido, afirmando que o sistema de recollida de lixo, a escola de música, ou o matadoiro, son algúns dos que, “por falta de responsabilidade política”, levaban dende o ano 2010 sin modificarse, de feito, a maioría deles tiñan o IPC sen actualizar. “O abandono foi tal que os servizos que tiñan que autofinanciarse de maneira independente, non son capaces de facelo e xeran déficit”, engade Garrido que afirma tamén que a recollida de lixo ten un déficit de 450.000 euros, o servizo de abastecemento e saneamento da auga de entre 200.000 e 300.000 euros, e o matadoiro comarcal de xestión municipal ten falta de actualización das tarifas de 170.000-180.000 euros. En total, “o Concello suma preto de 1,5 millóns de euros de déficit o que dificulta a creación de orzamentos con partidas novas xa que os cartos que se recadan para a xestión destes servizos non chegan para cubrir o custe real dos mesmos”, di o alcalde.
Outra dificultade á hora de realizar novos orzamentos foi a regra de gasto que impedía que os concellos gastaran por riba dunha cifra concreta, desta forma se non aumentan os ingresos e sí aumentan os gastos, xérase un desequilibrio. Sobre esto el alcalde indica que a principios do vindeiro ano presentarase o orzamento que se está a planificar, no que se superan os 12 millóns de euros sen ningún tipo de xestión financeira, tan só recursos propios.
De cara ao 2022 algúns dos proxectos que o Concello ten á vista son o do aglomerado en vías fundamentais do Concello como poden ser a que vai dende Oural ata Villamor, a que vai de Ferreiros a Corbelle, a área de Maside, o Barrio de Andión de Sarria, etc.
En canto aos funcionarios do Concello, avanzan que estase a redactar unha relación de postos de traballo e catalogación que valore economicamente o cargo e funcións de cada un deles. Claudio Garrido destaca “o compromiso de cada un dos funcionarios” que forman o cadro de persoal do Concello xa que durante estes meses de pandemia ningún sector nin servizo tivo que interromper a súa actividade.
CULTURA. O mundo cultural de Sarria tamén sufrirá un cambio ao longo do ano que vén, segundo avanza o alcalde. Un dos proxectos máis ambiciosos enmárcase na promoción e difusión da cultura da zona. A Casa da Cultura xa tivo varias remodelacións durante este ano no que se acondicionaron diferentes espazos para facilitar o acceso á cultura dos seus cidadáns. Por iso, se acondicionou unha sala infantil adaptada e outra como sala de estudos, etc. “Malia que a Casa da cultura está moi ben, o auditorio do que dispón apenas cubre 100 prazas, unha cantidade insuficiente para o total dos cidadáns”, di Garrido. Neste ano, o Concello adquiriu, “grazas á herdanza de José Vento”, a nave Feculera. Nesta, preténdese realizar unha obra para crear unha zona na que a cultura e o ocio se poidan desenvolver de maneira cómoda e sinxela. Está entre os futuros proxectos está facer un auditorio “coa capacidade e o prestixio necesario para facer cultura na vila”.
Tamén se quere planificar nesta localización a creación dun espazo e aulas para que as asociacións e os grupos culturais de Sarria poidan desenvolver as súas actividades, promovéndoas e dándolles difusión. Esta nave conta con 7800 metros “que servirán para o crecemento cultural e enriquecemento da zona”, di o alcalde.
Ademais, “cabe destacar que o crecemento comercial de Sarria foi cara o lado contrario da vila polo que a planificación nesta localización serviría para equilibrar e darlle vida a outra localización de Sarria. Deste proxecto, destaca a inexistente axuda por parte das Administracións provinciais”, conclúe Garrido.